PUBLICIDADE

A Arnoia contará cun mini parque termal lúdico

O orzamento estimado para a humanización do entorno e a execución do mini parque termal ascende a 359.535,39 euros.O orzamento estimado para a humanización do entorno e a execución do mini parque termal ascende a 359.535,39 euros.

A Deputación de Ourense acometerá a creación dun mini parque termal e lúdico no entorno do Monte dos Chaos, no Concello de Arnoia. Trátase dunha actuación contemplada no Plan de Sostibilidade Turística en Ourense Termal, froito do convenio subscrito en decembro de 2021 entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a propia Deputación para beneficiar a 15 municipios termais rurais da provincia de Ourense.

O orzamento estimado para a humanización do entorno e a execución do mini parque termal ascende a 359.535,39 euros. A entidade provincial será encargada de acometer o proxecto e as empresas contan ata o 19 de febreiro para enviar as súas ofertas.

A actuación promove a creación dun espazo con equipamentos lúdicos para actividades acuáticas, que teñan unha vertente pedagóxica sobre as propiedades das augas. É dicir, un mini parque termal con actividades de diversión e lecer, pero tamén cun carácter de aprendizaxe para rapazada e as familias.

PUBLICIDADE

A temática a desenvolver será un parque de xogos de auga no entorno Monte dos Chaos. Nesta localización existe a día de hoxe unha edificación inacabada e en estado de abandono, o que supón un impacto paisaxístico e visual. En concreto, sitúase sobre o balneario da Arnoia. Conéctase a través dunha pista e sendeiros cos miradoiros e o embarcadoiro, desde o que tomar o eco-barco, que forma parte de outra das actuacións do Plan de Sostibilidade.

Este mini parque promoverá a aprendizaxe en materia de sostibilidade a través da preservación e o recoñecemento do patrimonio natural termal do territorio. Entre os obxectivos, tamén destaca a sensibilización, a aposta por un turismo familiar e a recuperación dunha área degradada.

En definitiva, o proxecto ten unha función dobre. Por unha banda, recuperar un espazo degradado para unha intervención previa inacabada que produce un impacto visual negativo. Pola outra banda, dotar ao entorno dun novo espazo no que a auga sexa a protagonista e dunha zona infantil lúdica.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.