O Concello de Barbadás ten aprobada e pendente de licitación un investimento de 1,1 millóns de euros durante o 2025. Trátase de nove actuacións que contan con financiamento municipal, da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia e do Goberno estatal. Estas intervencións abarcarán a substitución de luminarias tradicionais por LEDs en todo Bentraces e Barbadás, a rexeneración de estradas, recuperación de edificios, novas áreas de recreo e deportes, a ampliación do polideportivo, obras de saneamento e melloras nos accesos.
A estas nove sumaranse en breve polo menos outras 6 obras, con proxectos que están actualmente en redacción ou pendentes de subvencións e cuxo importe se sumará ao longo de ano aos 1,1 millóns citados anteriormente.
Así o detallaron o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e a tenente alcalde e concelleira de Infraestruturas, Victoria Morenza. Fixérono na presentación do plan de obras para 2025 e fixeron avaliación da evolución do mesmo durante o que vai de mandato.
Desde xullo de 2023, o Goberno local terá executado ou aprobado para executar este ano 35 obras de infraestruturas cun investimento de 2.160.000 de euros. O investimento asociada ao Plan de Obras será maior ao rematar este ano, pois hai proxectos que están agora mesmo en fase de redacción ou pendentes de acadar o financiamento necesario.
O rexedor fixo fincapé en que o executivo local “goberna dunha forma xusta para todos os pobos do municipio”. Así mesmo, admitiu que é imposible cubrir todas as necesidades da veciñanza cuns recursos limitados. Non obstante, asegurou que “tentamos atender o maior número delas, chegando a cada recuncho do municipio”.
Asemade, alcalde e concelleira destacaron o exercicio de colaboración institucional que fai posible este plan de obras, con financiamento de diferentes administracións, así como “o traballo de escoita coa veciñanza para identificar as necesidades”. Nesta liña, Morenza apuntou o proceso de “negociación e consenso tanto co socio de goberno, Dani Rey de DO, como con Ramón Padrón, que tamén propuxo algunhas das obras incluídas no plan”.
Finalmente, Valcárcel referiuse á presentación deste plan como síntoma da boa saúde democrática do goberno progresista de Barbadás e, sobre todo, como un exercicio de transparencia. “A rendición de contas é esencial en democracia, así que iso é o que estamos facendo: explicar onde se inverte cada euro público que xestiona o Concello de Barbadás, tanto de fondos propios como procedentes doutras administracións”, rematou.