O Concello de Ferrol acometerá a rehabilitación de seis vivendas no barrio de Reicimil para casos de emerxencia social. “Queremos avanzar no noso compromiso de rehabilitar o barrio, dinamizalo e ofrecer vivenda ás persoas que máis o precisan”, afirmou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
O rexedor revelou que, entre as actuacións a realizar, contémplase “a demolición parcial de tabiquería interior e levantado de sanitarios e carpinterías interiores e a instalación de falso teito”. Ademais, o proxecto recolle a dotación dunha cociña e dun baño cos sanitarios, mobiliario e equipamento necesario e electrodomésticos. O orzamento por cada unha das seis vivendas co 10% de IVE incluído é de 49.987,12 euros, e o orzamento total da contrata é de preto de 300.000 euros.
O seguinte paso, tras a aprobación do proxecto, é sacar a licitación estas obras. O prazo de execución previsto é de dous meses por vivenda e prevese a licitación da obra en catro lotes, un por cada portal. Así, os lotes con dúas vivendas terán un prazo de execución de catro meses e aos lotes cunha vivenda corresponderalles un prazo de execución de dous.
Rey Varela recordou que “este proxecto súmase aos existentes para o mercado municipal e o local social do barrio, moi avanzado xa, e que contempla recuperar o Bambú club”.