A xunta de Goberno do Concello de Ferrol aprobou o proxecto de instalacións portátiles para as praias da cidade. “Como consecuencia da necesidade crecente de cubrir servizos básicos de aseo e vixilancia nas nosas praias durante a tempada estival, presentamos esta proposta para deseñar e fabricar un conxunto de instalacións portátiles de aseos, vestiarios e socorrismo”, avanzou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Ademais, “permitiranos ter unha imaxe homoxénea en cada un dos areais, onde se adaptarán estas casetas ao ser modulares”.
Segundo recolle o proxecto, estas unidades portátiles poderán ser instaladas mediante diferentes combinacións na rede de praias de Ferrol: praia de Caranza, A Graña, San Felipe, Cariño, Doniños/Penencia, San Xurxo, Esmelle, Fragata/Praia do Vilar, Santa Comba e Ponzos/Sartaña. Así pois, poderán ser recombinadas, recolocadas ou trasladadas en función da demanda real en cada momento.
Cada un dos módulos, excluíndo os destinados a socorrismo, conta con iluminación e ventilación natural sen necesidade de recorrer a sistemas artificiais, garantindo en todo caso a privacidade das persoas usuarias. A instalación é de planta baixa e accédese a través do módulo auxiliar de rampla deseñado para tal función.

A construción consta dunha estrutura principal cun armazón lixeiro de aceiro galvanizado que se combina con pórticos e vigas de madeira aserrada. O sistema de cerramentos e acabados resólvese mediante paneis de madeira cemento, viroc, cor vermella e madeira maciza de piñeiro.
O proxecto pretende alterar o mínimo posible a contorna onde se implanta. Para iso, os apoios da instalación execútanse mediante bases regulables de estada apoiadas sobre pequenos dados de formigón armado, sen necesidade de practicar modificacións que alteren o estado natural do terreo preexistente. Así mesmo, as dimensións da estrutura e dos propios módulos optimízanse para afectar o menos posible na contorna física onde se sitúen.
Cada un dos proxectos que se redacten para as implantacións específicas destas casetas deberá obter as autorizacións sectoriais que correspondan en función das afeccións existentes en cada un dos lugares.
O prezo da instalación para os diferentes areais dependerá dos módulos que se poñan. Así, para a praia de Doniños, onde se instalará a primeira caseta, o módulo terá dúas duchas, catro aseos, dous deles para persoas con discapacidade; e dúas casetas de socorrismo. Neste caso suporá un investimento de 129.922,62 euros.




