O Concello de San Sadurniño asinou o contrato de compra-venda dos terreos e a antiga nave de Carnero, onde se encontran desde hai anos as dependencias do departamento de Obras e Servizos. O prezo da compra supón un investimento de 150.000 euros, con cargo a un crédito do IGVS sufragado co Fondo de Cooperación Local.
Este acordo permitiralle ao Concello converterse en propietario da parcela e do inmoble. Así, aforrará o alugueiro anual e poderá levar a cabo obras de acondicionamento que melloren a funcionalidade das instalacións e o estado xeral da súa contorna.
A nave de Carnero ten unha superficie construída de 924 m². Está situada nunha finca de 9.752 metros no lugar do Outeiro. Fai uns 25 anos, o Concello de San Sadurniño subscribiu un contrato de alugueiro co propietario, xa falecido, para empregar o inmoble como base operativa do departamento de Obras e Servizos.
Desde que se iniciou o arrendamento, as instalacións da nave utilizáronse como almacén de ferramentas, mobiliario urbano e outros materiais, ademais de ser o lugar onde se atopan os vestiarios do persoal da brigada de obras e onde quedan estacionados os camións e tractores municipais.
O Concello negociou cos actuais propietarios “un prezo asumible e axeitado”, tal e como destaca o alcalde, Secundino García, agradecendo “as facilidades e a boa vontade”.
A finca e a nave atópanse a menos de 500 metros do Concello e moi preto do Xubia e do inicio do paseo fluvial. Por este motivo, “é urxente acometer melloras que fagan a nave máis funcional e que integren o resto da finca na trama verde de San Sadurniño”.
A compra efectúase tras un procedemento de negociación pública dos informes favorables da Secretaría municipal. Ademais, está avalada polo acordo unánime do pleno, que aceptou financiala cun crédito sen xuros do Instituto Galego de Vivenda e Solo por valor de 150.000 euros. Neste sentido, a administración local deberá devolvelo nun prazo máximo de oito anos.
FUTURAS ACTUACIÓNS NA NAVE E PARCELA
Tras a sinatura do acordo de compra-venda, a nave será incorporada ao Inventario Municipal de Bens e inscribirase no Rexistro da Propiedade. Non obstante, o rexedor avanzou o traballo que deberán facer para lograr unha boa integración paisaxística do edificio e o terreo.
Segundo un estudo previo, as actuacións necesarias terán un custe de máis de 500.000 euros e iranse acometendo nos próximos anos. A prioridade é renovar a cuberta, retirando as uralitas e substituíndoas por materiais máis seguros e integrados na contorna. Así mesmo, nesta primeira fase tamén se prepararía o exterior da nave e da parcela, incluíndo os accesos, para mellorar o aspecto xeral.
Pola súa banda, a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, insistiu en que a renovación empregará materiais con cores e texturas que harmonicen co que hai arredor, xunto coa plantación no exterior e no perímetro de vexetación autóctona que axude nesa integración visual e natural.
O investimento necesario para levar a cabo a primeira parte do plan está cifrado en 158.750 euros. O Goberno local agarda subscribir un convenio nominativo coa Deputación da Coruña, de maneira que o ente provincial financie o 80% , 127.000 euros; mentres que o 20% restante, 31.750 euros, sexan custeados con fondos municipais.




