O Goberno central investiu case catro millóns de euros no Concello das Somozas a través dos fondos de Transición Xusta. Nesta liña, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, reuníronse para repasar os investimentos estatais no municipio.
Destes case catro millóns, 971.824,35 euros adicáronse á rehabilitación das antigas escolas municipais para transformalas en vivendas sociais e equipamentos para a veciñanza. Outros tres millóns de euros destináronse para que a empresa Recinor Valogreene levante na localidade unha planta de tratamento de residuos, que leva aparellada a creación de 25 postos de traballo.
En total, o Ministerio de Transición Ecolóxica inviste 20 millóns de euros na provincia para proxectos nos territorios afectados polo peche das centrais térmicas das Pontes e de Meirama. O obxectivo é transformar o modelo produtivo por outro máis respectuoso co medio ambiente, crear emprego e fixar poboación nestas comarcas.



