A Xunta de Galicia emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto que Greenfiber quere desenvolver no concello de Palas de Rei condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, compareceron hoxe en rolda de prensa para trasladar unha “mensaxe de tranquilidade” sobre o desenvolvemento desta iniciativa empresarial que xerou controversia e preocupación en parte da cidadanía promovida en moitos casos por intereses partidistas. Neste sentido, trasladaron a vontade da Xunta de actuar “con total transparencia” e velar en todo momento polo cumprimento da lei, polos intereses da cidadanía galega así como garantir a preservación dos valores naturais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos da comunidade.
Ángeles Vázquez subliñou que a declaración de impacto ambiental do proxecto de Greenfiber é o resultado de 34 informes sectoriais -asinados por 42 técnicos- favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento en Palas de Rei. Trátase, incidiu, dun traballo exhaustivo, rigoroso e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen múltiples pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, destacou que a Consellería de Economía e Industria -como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL
Precisamente, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático aclarou que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
Nesta liña, sinalou que calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite, indicou Ángeles Vázquez, do máis exixente, como demostra o feito de que das 220 DIA que se emiten de media cada ano, unha de cada tres sexa desfavorable. Mentres, na maioría das favorables -como é o caso do proxecto de Palas de Rei- inclúense condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.
“PROXECTO NON VIABLE SIN ACCESO Á REDE ELÉCTRICA” APUNTA A CONSELLEIRA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Lorenzana remarcou que o proxecto, tal e como está actualmente definido, “non ten garantida a infraestrutura de interconexión eléctrica necesaria xa que, polo momento, non foi incluída polo Goberno central na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica, co cal, se seguísemos na situación actual calquera aprobación ou autorización deste proxecto estaría condicionada á obtención por parte do promotor do permiso de acceso e conexión”, explicou.
“O proxecto non é viable coa situación que ten actualmente a rede de transporte”, subliñou, para sinalar que “está absolutamente en mans do Goberno central, en concreto, do Ministerio de Transición Ecolóxica que tutela a Redeia, a rede de transporte eléctrico nacional, decidir se inviste na subestación que daría interconexión eléctrica ao proxecto ou non”, concluíu.
“CONSÚMASE A TRAIZÓN DE RUEDA A GALIZA” DI PONTÓN
Así se referiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, á publicación do informe de impacto ambiental para a instalación en Palas de Rei da macrocelulosa de Altri, unha “decisión política que se viste de carácter técnico” coa que o Goberno do PP dá un paso adiante para colocar no corazón de Galiza “unha bomba ambiental que pon en risco non só 8.000 postos de traballo de xente que vive do mar e da terra tanto na comarca da Ulloa como na ría de Arousa, senón tamén o desenvolvemento económico do noso País”.
Pontón considerou que a forza da xente aínda pode frear a macrocelulosa e avanzou que dende o BNG “imos dar a batalla política, democrática e se fai falta legal” contra unha agresión a Galiza que ten poucos precedentes. É por iso que, en declaracións aos medios tras unha visita á Universidade de Vigo, aproveitou para facer unha chamada á mobilización social contra un proxecto contaminante que, lonxe de beneficiar o País, supón unha “hipoteca para o noso futuro”
“Este é o momento da cidadanía para dicir alto e claro que en Galiza queremos industrias sostibles e que, polo tanto, non podemos avalar que se nos impoña unha macrocelulosa contaminante no corazón do noso medio rural, que non queremos deixar hipotecas aos nosos fillos e as nosas fillas”, proclamou.
Pontón dirixiuse tamén ao Goberno do Estado para que sexa “claro e rotundo” e non deixe que unha industria contaminante como a que queren instalar en Palas de Rei reciba nin un só euro de cartos públicos, “e moito menos —precisou— os 250 millóns de euros dos Fondos Next Generation que o Executivo de Rueda pide para Altri, unha empresa vinculada a cargos do Partido Popular”.
Máis unha vez, a líder do Bloque reclamou ao presidente da Xunta que rectifique e que poña os intereses de Galiza por riba dos intereses das empresas amigas do Goberno do PP, ao que reprochou o seu papel como comercial de Altri para instalar en Galiza unha celulosa que non queren en Portugal, “como se os galegos e as galegas tivésemos que soportar as industrias contaminantes que os demais non queren”, subliñou.
BESTEIRO ADVIRTE DA “TRAMITACIÓN EXPRÉS”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denuncia a falta de transparencia do Goberno galego respecto ao proxecto de Altri tras a resolución ambientalmente favorable publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Lamenta que esta resolución non despexe dúbidas fundamentais sobre este proxecto e insiste en que a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real da iniciativa.
Explica Besteiro que “desde o inicio, o PSdeG deixou claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes: A súa sostibilidade non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico, están en entredito”. Porén, en todo este tempo, o Goberno galego eludiu as nosas preguntas e evitou responder con datos cribles”.
O líder dos socialistas galegos denuncia que, malia os anuncios iniciais sobre a creación de emprego, as cifras manexadas polo propio Executivo autonómico foron reducíndose progresivamente, deixando en evidencia a falta de seriedade do proxecto. Aludiu a que, desde o inicio, o PSdeG deixou claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes na súa sostibilidade, non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico. “Estamos a falar de 250 millóns de euros de diñeiro público. Non é unha cifra menor, é unha aposta que pode hipotecar recursos fundamentais para Galicia. Pode Galicia permitirse destinar unha cantidade tan elevada de diñeiro público a unha empresa que non garante un futuro solvente? Isto é unha irresponsabilidade absoluta”, aseverou.
Besteiro esixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare de inmediato se comprometerá fondos públicos neste proxecto e de cantos cartos falamos. “Pregunteino unha e outra vez, pero seguimos sen resposta. A opacidade e a falta de explicacións son xa a marca da casa do Goberno de Rueda, e Altri é un exemplo máis desta forma de actuar”, criticou.

“A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL RATIFICA QUE O PROXECTO DE FIBRAS TÉXTILES DE PALAS DE REI CUMPRE CON TODAS As ESIXENCIAS DA UE” DI GREENFIBER
O proxecto GAMA, a fábrica de fibras téxtiles que Altri deseñou para Palas de Rei a través da súa filial Greenfiber, acaba de recibir a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte da Xunta de Galicia, o que ratifica que o proxecto industrial cumpre con todas as esixencias ambientais da Unión Europa.
José Pina, CEO de Altri, explica que “a Declaración de Impacto Ambiental permítenos mirar cara a adiante, poñer en valor o carácter estratéxico do proxecto e a súa capacidade de converterse nun axente dinamizador da economía galega, española e europea. Demos resposta a todos os informes sectoriais de maneira detallada e escrupulosa, achegando toda a información solicitada e realizando todas e cada unha das melloras requiridas polos técnicos da administración. E o resultado é unha Declaración de Impacto Ambiental positiva para un proxecto co que pretendemos transformar a industria téxtil nacional e potenciar a independencia europea aante importacións de fibras cun maior impacto ambiental”.
ULLOA VIVA CONVOCA CONCENTRACIÓNS NAS PRAZAS DAS VILAS ÁS 12 ESTE DOMINGO
Apuntan dende o colectivo Ulloa Viva que “a formulación pola Xunta de Declaración de Impacto Ambiental (DIA), hoxe publicada, confirma o xa sabido, o axuste ou reaxuste)ç de informes sectoriais á decisión política previa de autorizar a macro-celulosa de Altri. Uns informes que polo de agora non foron publicitados, o que tamén evidencia a falla de transparencia en todo o procedemento”.
Explican dende o colectivo ulloense que “chama a atención o cambiazo do informe de avaliación dos parámetros de verquido, entre outros ou como informes sectoriais inicialmente críticos ou discrepantes tornáronse en favorables, sen que a promotora alterase o básico do seu proxecto. A Xunta estivo a xogar a favor da súa aprobación durante todo o proceso, ocultando informes para a poboación mentres os filtraba nalgúns medios de comunicación e sen escoitar as nosas demandas nin despois da demostración da histórica manifestación de decembro en Compostela”.
O colectivo da Ulla explica conta que “non estamos dispostas a permitir que un proxecto para o que as veciñas non somos importantes se asente no noso territorio e veña arrebatarnos a vida, a saúde e a nosa forma de vida . Imos seguir loitando contra altri polos medios que faga falta Dende a Plataforma Ulloa Viva convocamos a todas as veciñas e veciños da bacía do Ulla a sair ás prazas das súas vilas ás 12 horas do domingo para berrar alto e claro Altri non! E xa anticipamos que a Plataforma exercitará todas as medidas administrativas e xudiciais en contra das resolucións que autoricen o proxecto Altri”.