PUBLICIDADE

O mural ‘María, malabarista do queixo fresco’ rende tributo ás queixeiras de Arzúa

O mural conmemorativo da 50ª Festa do Queixo, do artista Yoseba MP, 'María, malabarista do queixo fresco'O mural conmemorativo da 50ª Festa do Queixo, do artista Yoseba MP, 'María, malabarista do queixo fresco'

O mural do artista Yoseba MP, ‘María, malabarista do queixo fresco’, representa ás mulleres queixeiras na figura de María Rodríguez Pazos, veciña de San Martiño, que aínda hoxe en día segue elaborando queixo coa súa familia

A un día da inauguración da 50ª Festa do Queixo de Arzúa, tivo lugar a presentación oficial do mural conmemorativo, María a malabarista do queixo fresco, obra do artista Yoseba MP e no que homenaxea medio século de vida deste evento gastronómico e cultural, e máis concretamente na figura das mulleres queixeiras, representadas pola veciña da parroquia de San Martiño, María Rodríguez Pazos, que a día de hoxe segue elaborando queixo coa súa familia, mantendo viva a tradición e o amor polo oficio.

A figura do Mural representa a María facendo malabares co queixo, simbolismo da destreza, da dedicación e o equilibrio entre o pasado e o presente, entre o traballo e a paixón. No fondo da obra, as vacas pacendo evocan a simbiose esencial entre a casa e o campo, entre a terra e as mans que a coidan. O mural convértese así nunha celebración do legado das mulleres que, coma ela, foron e seguen sendo o corazón do rural galego.

Con esta obra queremos render tributo a todas aquelas que fixeron posible que a Festa do Queixo chegase ata aquí. Este mural non só decora o noso espazo urbano, senón que tamén nos lembra que o queixo é parte fundamental da nosa historia e do noso futuro” (Xesús Carril, alcalde de Arzúa)

Con esta intervención artística, Arzúa revaloriza a figura das súas queixeiras, recoñecendo o seu papel fundamental na conservación dunha tradición que fai do queixo arzuán un referente de calidade e autenticidade, e que permitiron que esta festa cumpra medio século de vida.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.