A renovación do Pavillón do Souto tamén inclúe melloras integrais en canto ao sistema de iluminación e enerxético, convertendo o espazo nunha intalación máis eficiente e sostible
O Concello de Padrón vén de anunciar o remate das obras de mellora no Pavillón do Souto, coa renovación integral da súa pista e a mellora dos sistemas de iluminación e enerxético, garantindo unhas instalacións deportivas modernas, eficientes e adaptadas ás necesidades da veciñanza.
Esta renovación do Pavillón do Souto reponden á aposta do Concello de Padrón pola modernización e mellora da calidade das infraestruturas municipais, que se atopaban nun evidente estado de deteriodo por unha falta de mantemento continuado, segundo explican dende o Goberno local.
As obras de renovación e modernización do pavillón dividíronse en dous grandes bloques. Por unha banda, acometeuse a mellora da pista deportiva, cun investimento total de 60.500 euros, dos que 50.000 euros foron financiados pola da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de achegas destinada aos concellos galegos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.
Por outra banda, realizáronse diversas melloras destinadas á eficiencia enerxética do pavillón, co obxectivo de reducir o consumo e mellorar as condicións de confort. Entre as actuacións desenvolvidas, destaca o cambio da iluminación convencional por tecnoloxía LED, a substitución da antiga caldeira de gasoil por bombas de calor e o illamento da cuberta, permitindo así a práctica do deporte nun entorno máis cálido e eficiente. Estas melloras contaron cun investimento de 78.650 euros, dos cales 60.000 euros foron subvencionados pola Xunta, a través dun programa dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes dentro do Fondo de Cooperación Local.
O compromiso do Concello é seguir traballando na modernización das infraestruturas deportivas, adaptándonos ás novas esixencias de sustentabilidade e eficiencia enerxética, sempre dentro das posibilidades de financiamento dispoñibles” (Luis Mariño, concelleiro de Deportes de Padrón)
O concelleiro de Deportes de Padrón, Luis Mariño, manifestou a súa satisfacción polo resultado destas actuacións e destacou que estas melloras eran imprescindibles dada a antigüidade do pavillón e o seu estado de deterioro. “Falamos dunha infraestrutura deportiva clave no noso municipio, con alta afluencia de usuarios e usuarias, polo que era prioritario intervir para garantir a súa funcionalidade e seguridade”, asegurou o concelleiro.
Con estas actuacións, dende o Concello de Padrón dáse un paso máis na aposta por infraestruturas deportivas máis sostibles e eficientes, garantindo espazos axeitados para a práctica deportiva e fomentando un uso responsable dos recursos enerxéticos.



