O CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda acolleu o primeiro acto da Primavera das Letras das Cantareiras e a Poesía Popular Oral, e o alumnado mergullouse na tradición oral coa obra teatral ‘As ferreñas’
O CEIP Celso Emilio Ferreiro da Silva, no Concello de Cerceda, acolleu o pasado 10 de marzo o primeiro acto da Primavera das Letras das Cantareiras e a Poesía Popular Oral, unha iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) para poñer en valor a nosa tradición oral e o papel fundamental das mulleres na conservación do patrimonio inmaterial galego.
A directora do CEIP, Silvia Betanzos, deu a benvida aos asistentes a este primeiro acto da Primavera das Letras, antes de ceder a palabra ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quen destacou a importancia da oralidade na nosa cultura e a necesidade de preservar esta riqueza para as futuras xeracións, un dos motivos que levou á academia a dedicar o Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral.
Pola súa banda, a académica Fina Casalderrey coordinadora ademais da Primavera das Letras, puxo en valor o papel das cantareiras e das mulleres galegas na transmisión “do noso legado oral”, mentre que as escritoras Paula Carballeda e Nuria Díaz, autoras da obra As ferreñas, compartiron as súas reflexións sobre a forza e a beleza da nosa poesía popular, antes do inicio da representación teatral da súa obra.
O alumnado do CEIP Celso Emilio Ferreiro asistiu a unha representación de As ferreñas, que lles permitiu mergullarse na tradición oral dun xeito lúdico e participativo. Tras a obra, Casalderrey, que conduciu o acto, deu paso á intervención de Felicidad Casás, fila de Rosa Casás, e que, en representación da súa familia será homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, quen destacou a memoria das mulleres que mantiveron vivas estas expresións culturais.
Estamos moi orgullosos de contar con este acto por parte da Real Academia Galega, especialmente polo feito que se da a circunstancia de que, neste ano 2025 por primeira vez na historia, a alguna persoa do Concello de Cerceda, neste caso dúas, que son Rosa e Fina Casás, van a ser recoñecidas no día das Letras Galegas” (Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda)
Finalmente, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, clausurou este primeiro acto da Primavera das Letras, reafirmando a necesidade de seguir impulsando proxectos que dignifiquen e difundan o noso patrimonio oral.
