PUBLICIDADE

Aberto o período de inscrición na EIM A Rolada de San Sadurniño ata o 31 de marzo

PorBisbarra

Luns, 17 Marzo 2025 ,
Os servizos da EIM A Rolada son gratuítos para as familias grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e o Concello de San Sadurniño.Os servizos da EIM A Rolada son gratuítos para as familias grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e o Concello de San Sadurniño.

O Concello de San Sadurniño abriu onte, domingo 16 de marzo, o segundo período de solicitude de praza na EIM A Rolada. Este prazo está dirixido ás familias que queiran matricular por primeira vez as súas crianzas en calquera das tres unidades onde queden vacantes tralo período de reserva. O último día para presentar a documentación é o 31 de marzo e o trámite pode facerse a través da Sede Electrónica Municipal ou presencialmente na oficina do rexistro.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos, priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.

PUBLICIDADE

O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres. Dentro deste lapso, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, tres opcións: xornada completa, media xornada de mañá (9:00 a 13:00h) ou media xornada de tarde (15:00 a 19:00h). Os horarios de tarde están suxeitos a que haxa unha porcentaxe mínima de solicitudes que permitan manter o servizo.

A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.

O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención. Non obstante, exclúense desta gratuidade os servizos complementarios, como o comedor. Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.

As prazas non se adxudicarán por orde de rexistro, senón que serán valoradas de acordo co regulamento de funcionamento do centro.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.