A militancia do Partido Popular de Toén escolleu a Ricardo González como novo presidente da agrupación local. Ao congreso popular toenés acudiu o presidente provincial, Luís Menor, que pediu ao novo equipo local sentar as bases para “fortalecer o partido, con persoas identificadas cos nosos valores e comprometidas coa nosa visión da provincia”.
O novo presidente do PP de Toén é profesional do sector farmacéutico e vencellado desde hai anos ao partido. Así pois, estreouse no ámbito municipal en 2015, logo de aceptar a invitación do rexedor para formar parte do seu equipo como número dous, exercendo como tenente alcalde. Nas municipais de 2019 encabezou a lista popular en Toén, ganando as eleccións por maioría absoluta, que repetiría no 2023, mantendo sete concelleiros.
Trala súa proclamación como presidente local, o tamén alcalde do Concello apostou por ampliar o partido en Toén, obxectivo que confía en alcanzar por ter “moitos colaboradores que nos axudan a gañar as eleccións”. González, xunto co seu equipo, pretende acadar máis afiliación, “chegando mesmo a duplicarse o número militantes dentro de dous anos”. Para logralo xa iniciaron unha campaña de captación de afiliados.

Gonzalez avanzou que a proximidade coa veciñanza seguirá sendo a liña fundamental de traballo xa que “esa proximidade trasládase tamén aos afiliados, sobre todo nun concello pequeno como Toén, con 2.400 habitantes”.
Neste mesmo sentido, advertiu que o intereses do partido coinciden cos do municipio. Nesta liña, preténdese que a formación política se pareza o máximo posible á sociedade local, a través da “atención e solución ás necesidades da veciñanza”.
RENOVAR A CONFIANZA MAIORITARIA EN TOÉN EN 2027
Luís Menor afirmou ante a militancia de Toén que cre no traballo de Ricardo González para chegar ás eleccións municipais de maio de 2027 “co músculo necesario para ser o partido que consiga, unha vez máis, a confianza maioritaria da veciñanza”.
Neste sentido, engadiu que “máis aló de simpatizantes, precisamos desas persoas identificadas e comprometidas co partido, traballando en cada pobo, cada parroquia e transmitindo as inquedanzas dos seus veciños”.
Menor estendeu o significado do congreso local cara á provincia, sinalando que o traballo que hoxe continúa Ricardo González á fronte da agrupación tamén terá a súa repercusión no resto do territorio ourensán. “Toén debe ser tamén determinante nunha nova vitoria popular na provincia”, abundou o presidente provincial.