Ana Mosteiro é a nova concelleira do BNG en Melide. Ten adicación exclusiva e realizará o seu traballo nas áreas de Cultura, Deporte, Educación e Normalización Lingüística. Aínda que leva moitos anos na política nunca estivera, ata o momento, en primeira liña. A ilusión coa que colle o cargo axudaralle a pelexar por diversos obxetivos nos vindeiros dous anos: a apertura da piscina municipal ou a recuperación da Feira do Libro no Camiño.
Chego ao cargo de concelleira con ilusión, responsabilidade e ánimo para traballar”
Como asume o cargo de concelleira?
Con moita ilusión, responsabilidade e ánimo para traballar por e para a veciñanza de Melide.
Cales son os obxectivos que se marca o BNG coa última renovación de cargos no equipo de goberno melidense?
O obxectivo fundamental é termos máis presenza no día a día da política local, así como aumentar a nosa proximidade e atención diaria á cidadanía. Isto será posible grazas a contarmos cunha persoa dedicada a tempo completo ao concello.
Cal será a aportación do BNG de Melide ao goberno actual?
Achegaremos traballo diario, compromiso e propostas para mellorarmos a calidade de vida da nosa veciñanza, e estaremos sempre abertas ao diálogo para acadarmos este obxectivo.
Na área de Deportes, haberá cambios con respecto ás políticas feitas nos últimos anos?
Agora mesmo toca dar continuidade ás escolas deportivas, que xa están funcionando, e introducirmos as melloras precisas no vindeiro curso. No eido deportivo, concederémoslle prioridade absoluta á apertura da piscina municipal e non aforrarei esforzos para conseguir isto o antes posible.

No correspondente á Cultura, o Concello de Melide conta cunha ampla programación de actividades ao longo de todo o ano, ten pensado incorporar algunha novidade nesta área?
Nesta área, alén de continuar co traballo que xa se está realizando, gustaríame recuperar a Feira do Libro no Camiño, que tivo tres exitosas edicións cando gobernou o BNG en Melide; así como axudar ao Museo da Terra de Melide para evitar que peche de novo as súas portas durante cinco meses. Non podemos permitir que a institución cultural máis importante de Melide siga con esa precariedade.
Será a encargada de xestionar a Concellaría de Educación, cales son os retos nesta materia que ten Melide?
Gustaríame recuperar a Feira do Libro no Camiño”
O principal é estar sempre atenta e dispoñible para os centros educativos, pois as competencias municipais nesta materia son limitadas. No primeiro mes como concelleira visitarei os tres centros de educación infantil e primaria, o Instituto de Educación Secundaria, as dúas escolas infantís e o Conservatorio para tomar nota das súas necesidades.
Cal é a situación do galego en Melide? Cales poden ser as accións a realizar dende o Concello de Melide para o apoio da nosa lingua?
A situación da lingua galega é moi preocupante en todo o País e Melide non é unha excepción. Manterei reunións constantes co Servizo de Normalización Lingüística do noso concello para artellarmos con urxencia diversas iniciativas que favorezan o uso activo do galego na vida diaria, sobre todo entre a poboación máis nova.
Agarda ter apoio das administración provincial e autonómica para levar a cabo os proxectos da súa área? Que opinión lle merece esta colaboración ata o momento co Concello de Melide?
Buscarei axuda, por suposto, nas administracións provincial e autonómica. En canto a esta última, sabemos que, por desgraza, Melide non está sendo atendido nos últimos anos como merece.
Cales son as necesidades urxentes que ve o BNG en Melide?
Como xa mencionei antes, considero urxente abrir a piscina. Tamén é unha prioridade que o río Furelos e toda a súa área recreativa estean en condicións óptimas, por exemplo, pero o máis urxente é traballarmos sen descanso para conseguir que a macrocelulosa Altri non se instale a escasos dous quilómetros da parroquia do Leboreiro, en pleno Camiño Francés. A economía, a saúde e o futuro do pobo melidao está en xogo, e iso é algo moi serio e preocupante.
Tamén é unha prioridade que o río Furelos e toda a súa área recreativa estean en condicións óptimas“