A 50ª Festa do Queixo de Arzúa superou todas as expectativas e pasará á historia como a máis multitudinaria, despois de rexistrar máis de 50.000 visitas durante a fin de semana
A 50ª Festa do Queixo de Arzúa, que se desenvolveu a pasada fin de semana, superou todas as expectativas converténdose na edición máis multitudinaria das celebradas, despois de superar a cifra de 50.000 visitantes, que gozaron do amplo programa gratuíto, dunha cita gastronómica e cultural que ten como gran protagonista ao Queixo Arzúa-Ulloa DOP.
Un récord de asistencia neste 50 aniversario da Festa do Queixo de Arzúa, que contou con visitantes procedentes de todos os puntos de Galicia, que tamén se viu reflectido nos postos de queixo e no novo espazo gourmet doutros produtos, que xa o sábado e a primeira hora do domingo venderan todas as súas existencias. A nova zona dedicada á artesanía foi outra das grandes protagonistas poñendo en valor o traballo artesanal e a creación local.
Tamén, o Concurso de Petiscos posto en marcha nos bares e establecementos hostaleiros congregou a milleiros de persoas que puideron gozar dunha iniciativa gastronómica que ofreceu á veciñanza e aos visitantes propostas innovadoras e sabrosas nas que o protagonista foi o Queixo Arzúa-Ulloa DOP.
A organización desta 50ª Festa do Queixo de Arzúa apostou fortemente pola inclusión, coa organización do Pequequeixo, espazo dedicado aos máis pequenos que contou cunha participación masiva; e coa iniciativa Espazo Concilia, garantido que as familias puidesen desfrutar da festa con tranquilidade e comodidade.
Máis de 12.000 persoas asistiron aos concertos da festa
A música, outro dos grandes protagonistas da Festa do Queixo de Arzúa, congregou a máis de 12.000 persoas que, ao longo da fin de semana desfrutaron coas actuacións, na Praza do Concello, de Capital Voskov, Mondra, The Rapants, Xoel López, Cariño, O Son de Arzúa, Xisco Feijoó ou Os Melidaos.
O que vivimos esta fin de semana foi extraordinario. A Festa do Queixo sempre foi un referente en Galiza, pero nesta 50ª edición superamos todas as expectativas. O récord de asistencia, o éxito dos postos de queixo e da artesanía, a resposta masiva ao Concurso de Petiscos e aos concertos demostran que esta festa está máis viva ca nunca. Queremos que toda a xente que nos visitou saiba que esta sempre será a súa casa, e xa estamos traballando para que a próxima edición siga facendo historia” (Xesús Carril, alcalde de Arzúa)
A 50ª Festa do Queixo de Arzúa non só bateu récords de asistencia ou un éxito de vendas nos postos, senón que tamén reforzou a identidade e o espírito dunha festa que, despois de medio século, segue a medrar e a reinventarse. A organización agradeceu a todos os asistentes, expositores, artistas e colaboradores que fixeron posible este éxito rotundo e xa traballa na próxima edición, coa ambición de seguir facendo historia.












