O Concello de Barbadás rehabilitará o firme da rúa Fonsillón, no tramo comprendido entre o cruce coa rúa da Campina e o límite co Concello de Ourense. As obras incluirán o cambio do firme superficial, así como o pintado de marcas de tráfico para os vehículos e a colocación dun novo redutor de velocidade. Así pois, os traballos contan cun orzamento de 30.000 euros e un prazo de execución dun mes.
Segundo sinala Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Infraestruturas de Barbadás, a intervención responde a unha demanda veciñal. Neste sentido, tendo en conta o mal estado da vía, o Goberno local estableceu a rehabilitación da rúa Fonsillón como unha prioridade.
O tramo de vía afectado é moi transitado e cun alto volume de tráfico rodado, xa que comunica o núcleo da Valenzá coa N-525. “Queremos facilitar a accesibilidade e mobilidade de peóns e vehículos neste barrio, o que vai redundar nunha mellora da calidade de vida da veciñanza”, explica a edil. O Concello tamén incluíu na obra a renovación do redutor de velocidade, que non cumpre coa súa función polo actual desgaste.
PLAN DE OBRAS DE BARBADÁS
A intervención está contemplada no Plan de obras de 2025, que supera os 1,1 millóns de euros para actuacións e melloras no municipio. Conta con financiamento propio, do Goberno de España, da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense e suma un total de nove actuacións.
Entre as obras programadas destaca a substitución de luminarias tradicionais por LEDs en todo Bentraces e Barbadás. Así mesmo, o Goberno local salienta a rexeneración de estradas, recuperación de edificios, como a antiga escola de Sobrado; obras de saneamento e melloras nos accesos, como por exemplo á Valenzá Vella. No tocante ás áreas deportivas e de recreo, investirase no parque Lucinda e na ampliación do polideportivo.
A concelleira de Infraestruturas fai fincapé no investimento equilibrado nos diferentes territorios municipais. Neste sentido, avanza que haberá “obras e melloras nos núcleos máis pequenos de Barbadás, como Santa Uxía, e nos máis grandes, como pode ser A Valenzá, pasando por todos os intermedios”.



