O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar actos de vandalismo na dársena e aparcamento de Xoán XXIII onde, hai uns días, apareceu derrubado un muro que presuntamente empregaban, para agochar droga, persoas vinculadas á venda de sustancias ilícitas nesta zona, situada a escasos metros da Catedral de Santiago.
“Na dársena de Xoán XXIII, -subliñou De la Fuente- téñense producido, en múltiples ocasións, altercados entre persoas dedicadas ao trapicheo de drogas e os veciños, que levan tempo sufrindo as consecuencias do comportamento incívico dalgúns individuos, reclaman que se actúe, de forma contundente, co fin de atallar o problema”. Para o edil popular, “non é de recibo que as rúas Xoán XXIII e Costa Nova de Abaixo se teñan convertido nun punto coñecido e constatado de venda de drogas e, incluso, nun lugar habitual de conflitos coa propia veciñanza, mentres o goberno local se cruza de brazos e non fai nada”.
“Non é a primeira vez que se producen agresións e danos a bens públicos-remarcou-, os propios aseos da dársena estiveron meses fóra de servizo polos desperfectos causados por persoas consumidoras que habitan e transitan habitualmente por esa zona, sen que o goberno municipal se tome en serio a gravidade da situación”.

De la Fuente remarcou que “a pesar do grave problema de delincuencia vinculada ao tráfico de drogas que denunciamos en múltiples ocasións e mesmo levamos ao Pleno para a súa discusión, os nacionalistas seguen negando existencia de problemas”.
De la Fuente lembrou que, “dende o Partido Popular de Santiago, puxemos solucións enriba da mesa, como: o incremento de efectivos; poñer en funcionamento as cámaras de vixilancia e, mesmo, incrementar o seu número alí onde sexa máis necesario; e mellorar a iluminación da cidade, que sufriu unha redución evidente cos cambios de luminarias que esta facendo o goberno local”.
Finalmente, o concelleiro popular solicitoulle ao BNG que “aparque os seus prexuízos ideolóxicos, deixe de negar a evidencia e que afronte con decisión, firmeza e valentía, e sen condicionantes partidistas a busca dun remedio para un problema que, neste mandato está descontrolado pola inacción e desidia do goberno local”.