Esta semana comezaron os traballos de restauración das fachadas do Pazo Provincial, sede da Deputación de Ourense. A actuación executarase durante os próximos tres meses e conta cun orzamento próximo os 100.000 euros. Así, suporá o pintado dos panos brancos e o arranxo da fachada principal, que sufriu graves danos polo lanzamento de pintura, botes de fume e petardos.
A instalación de andamios iniciou na rúa Fonte do Rei. A medida que se acaben os traballos proseguirase polas fachadas da rúa Cruz Vermella e Progreso, na que se concentran os danos máis importantes.
O proxecto de restauración, redactado polo servizo provincial de arquitectura, inclúe a eliminación das manchas de pintura na pedra, nas paredes, portas e xanelas. Estes labores obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso.
O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como “edificio de protección estrutural”. É dicir, trátase dun inmoble que polo seu valor histórico, artístico ou a súa calidade arquitectónica e construtiva singularízase na contorna na que se sitúa.
Esta condición obrigou a contratar unha empresa especializada en restauración para determinar o tratamento axeitado contra as pegadas de pintura e determinar que produto, entre os permitidos, ocasionaría menos dano a unha pedra que se caracteriza pola súa notable porosidade, de aí a dificultade da eliminación da pintura.
Os especialistas en restauración que fixeron as probas iniciais decantáronse polo uso de hidroxeles, cuxa aplicación ten un menor impacto na pedra. Os traballos teñen como finalidade recuperar, conservar e poñer en valor este edificio, na súa condición de patrimonio histórico e arquitectónico, ademais da propia estética.
Así, os traballos a realizar nos próximos tres meses inclúen a retirada de elementos en desuso, a restauración da cantería histórica, novos acabados en carpinterías metálicas e de madeira. Neste último caso, sobre na planta baixa do Pazo, ademais de produtos como morteiros, compatibles cos materiais orixinais das fachadas.




