PUBLICIDADE

San Sadurniño e Casa do Mel reeditan o curso de iniciación á apicultura

PorBisbarra

Martes, 13 Maio 2025 , ,
O curso terá unha duración de 20 horas e complementarase con outro de 15 en setembro. Foto: César Galdo.O curso terá unha duración de 20 horas e complementarase con outro de 15 en setembro. Foto: César Galdo.

A área de Desenvolvemento Local e a Asociación Casa do Mel ofrecen un curso de iniciación ou ampliación á apicultura. Impartirase na Casa da Xuventude e na abellariza didáctica da Cortiña. Terá lugar os días 24, 25 e 31 de maio e 1 de xuño.

O temario teórico e práctico abordará desde o coidado e mantemento das colonias de abella ata a colleita do mel e doutros produtos da colmea. O curso terá unha duración total de 20 horas. Para participar neste curso gratuíto farán falta un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919.

O obxectivo principal do curso é achegar coñecementos básicos sobre a apicultura. Así mesmo, abordaranse técnicas para obter un bo rendemento das colmeas, sobre todo as de prevención ou tratamento dos seus principais agresores naturais.

PUBLICIDADE

Máis en detalle, trataranse aspectos como a bioloxía das abellas, a instalación máis conveniente do apiario, a flora melífera e os métodos de reprodución e multiplicación dos enxames. En relación coa saúde das colmeas, prestaráselle especial atención a ameazas como a vespa velutina, a varroa e a loque. Ademais, afondarase nos diferentes produtos que xeran as abellas: mel, pole, própole, xelea real e cera. A formación completarase cun manual de boas prácticas apícolas.

Asemade, os días 13 e 14 de setembro ofrecerase unha actividade complementaria centrada na diversificación dos produtos da colmea. Baixo o título “Aproveitamento dos produtos da colmea”, abordará como sacar o máximo partido á produción, especialmente nun contexto marcado polo cambio climático, as especies invasoras e a competencia do mercado global.

Este segundo curso pretende reforzar a viabilidade das explotacións apícolas a través da diversificación. O aproveitamento tradicional estivo centrado case exclusivamente no mel e, ocasionalmente, na cera. Porén, na actualidade resulta fundamental saber como obter e transformar outros produtos coma o pole, a própole ou a xelea real, cuxo valor económico pode contribuír decisivamente á sostibilidade dunha explotación.

Neste caos, a duración será de 15 horas. O alumnado aprenderá técnicas de recolección e procesado destes produtos, coñecerá as súas propiedades e posibilidades de comercialización e participará nunha cata de diferentes tipos de mel para afinar o seu criterio de calidade. A sesión tamén prestará atención ás condicións sanitarias e legais para a venda e etiquetado destes produtos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.