O trazado da X Carreira Popular absoluta levará aos participantes polo paseo fluvial, a Bidueda, cruzará de sur a norte Cornide e avanzará logo pola estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello
A X Carreira Popular Concello de San Sadurniño, que se disputa o vindeiro 1 de xuño, vén de anunciar a apertura do prazo de inscricións nunha proba clásica do calendario deportivo da comarca e que cada nova edición reúne a centos de persoas de toda Galicia amantes do atletismo e da natureza. Os interesados en participar, poden formalizar as súas inscricións a través da web emesport.es ata as 23:30 horas do 27 de maio.
Os máis pequenos poderán participar de balde en trazados que van dos 60 aos 900 metros, mentres que a inscrición na carreira absoluta, de 4,9 quilómetros ten un cuto de 5 euros. A X Carreira Popular Concello de San Sadurniño repite o espectacular circuíto que bordeará a estrada de Ortigueira nun dos seus tramos. Por motivos organizativos, establécese de novo un tope máximo de 500 participantes, segundo informou o Concello que anunciou tamén o inicio, a semana que ven, das Andainas parroquiais.
As categorías escolares desta X Carreira Popular, masculina e feminina, compartirán un mesmo circuíto no centro do arboreto que unicamente variará o número de voltas: tres, con 900 metros en total, no caso de deportistas nados entre 2009 e 2012 (categorías Sub-16 e Sub-14); dúas voltas, 600 metros, no caso dos atletas Sub-12 (De 2013 a 2014); e unha volta de 300 metros para os Sub-10 (2015-2016).
A Carreira Popular de San Sadurniño establece para os máis pequenos, nados no 2017 e anos posteriores, unha proba adaptada cun tramo recto de 60 metros sobre o sendeiro principal, realizándose saídas en pequenos grupos segundo as idades.
Na carreira absoluta, o trazado levará ás persoas participantes polo paseo fluvial, a Bidueda, cruzará de sur a norte Cornide e avanzará logo pola estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello. Alí comezará o tramo final, baixando polos xardíns municipais e pasando por diante do Mesón A Granxa antes de coller de novo o paseo fluvial con destino á liña de meta.
Outras propostas da Concellería de Deportes
A Concellaría de Deportes tamén informou das diferentes propostas programadas para as próximas semanas, como a Ruta ciclista en familia do 25 de maio ou a IV BTT Concello de San Sadurniño do 29 de xuño, á que se lle arrimarán o mesmo día o II Trail de Montaña e o I Cross Concello de San Sadurniño. O departamento tamén organizará, ben entrado o verán, o 8 de agosto, a III Cronoescalada Sanrockeira e, como remate da temporada estival, a Ruta nocturna BTT prevista para o 19 de setembro. Todos os interesados en participar en calquera destas actividades poden contactar co técnico municipal de Deportes no 672 942 426.




