O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou ás xogadoras e ao corpo técnico da selección española de hockey que están a desenvolver un ‘stage’ no campo da Mariñamansa
A selección española feminina Sub-18 de hockey, que está a desenvolver unha concentración (stage) no campo ourensán de Mariñamansa ata mañá, 14 de maio, recibiu a visita do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
Esta concentración, forma parte do Plan de Fomento de Hockey Feminino da Federación Galega de Hockey para xerar o interese por esta disciplina deportiva entre as nenas. A selección española de hockey conta nas súas filas cas xogadores galegas Carlota Álvarez, Yurena Veloso e Lidia Fernández; ademais do seu seleccionador, Jose Luis Sánchez Rama.
Por outra banda, a Deputación de Ourense ten en marcha a segunda fase do Plan de Fomento Hockey, no que nenos e nenas de toda a provincia realizan actividades lúdicas, xogos, charlas e partidos de iniciación ao hockey, guiados por monitores especializados da Federación Galega de Hockey. Luis Menor aproveitou a visita ás xogadoras e corpo técnico da selección para reivindicar o compromiso da institución provincial co fomento do deporte, e, en especial, co deporte base.






