PUBLICIDADE

Ferrol Vello contará cun novo aparcadoiro, zonas verdes e equipamento educativo

PorBisbarra

Mércores, 14 Maio 2025 , ,
A xunta de Goberno local aprobou a adquisición de tres parcelas en Ferrol Vello.A xunta de Goberno local aprobou a adquisición de tres parcelas en Ferrol Vello.

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou a adquisición de tres parcelas en Ferrol Vello. Con esta compra, darase cumprimento a un dos proxectos incluídos dentro do convenio asinado coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, firmado o pasado 4 de abril.

Dito convenio, que conta cun orzamento de 12 millóns de euros e unha duración de catro anualidades, céntrase en tres áreas prioritarias de intervención. A primeira é a adquisición de edificios, solo e a súa adecuación para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais. Neste apartado inclúese o solar para un espacio multifuncional na avenida de Breogán e rúa Espartero para equipamento educativo, zonas verdes e aparcamento.

A segunda área é a rehabilitación de edificios públicos para recuperar espazos emblemáticos coa fin de promover actividades comunitarias e económicas. No tocante á terceira, céntrase na reurbanización de rúas, prazas e accesos, para renovar zonas urbanas críticas e garantir a conectividade e sostibilidade do tecido urbano.

PUBLICIDADE

O orzamento estimado destas tres actuacións é de 4.920.153,89 euros. “Cumprimos outra das demandas da comunidade educativa do IES Ferrol e da veciñanza do barrio e avanzamos tamén na transformación urbana da cidade”, destacou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.

TRES NOVAS FINCAS EN FERROL VELLO

O Concello de Ferrol adquirirá tres fincas. A finca A, na avenida Breogán, número 15, conta con 2.489 metros cadrados e dous edificios. No tocante á finca B, na rúa Espartero, número 26-3, consta de 203 metros cadrados e 499 metros cadrados de edificación. Finalmente, a finca C, na rúa Espartero, número 28, abrangue 150 metros cadrados e 244 metros cadrados de edificación.

A totalidade da superficie de chan das tres leiras correspóndese cunha área total de 2.842 metros cadrados. A cantidade destinada á compra desta superficie é de 589.000 euros. “A adquisición destas parcelas é unha prioridade para a cidade, debido a que nelas pódense albergar tanto un polideportivo municipal adxacente ao IES Ferrol Vello como unha zona de aparcamento público e praza tan necesarios no barrio de Ferrol Vello”.

Así, proponse a creación de prazas de aparcamento no interior do espazo ocupado polas parcelas, fóra da edificación residencial e das vías públicas, segundo o criterio de mellor uso do espazo público. Complementarase coa creación dunha zona de uso público e a reserva de espazo para un uso deportivo, como é a execución dun pavillón cuberto lindeiro co IES Ferrol Vello. O resto do ámbito da actuación será unha praza/parque público que permita o tránsito entre as vías e que integre ao novo aparcamento e o futuro polideportivo.

O orzamento para as obras previstas ascende a 850.000 euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.