PUBLICIDADE

Licitadas as obras de Abrir Ferrol ao mar no Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena

Este contrato do proxecto Abrir Ferrol ao mar conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses.Este contrato do proxecto Abrir Ferrol ao mar conta cun orzamento de 5,5 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses.

A xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación das obras comprendidas no proxecto Abrir Ferrol ao Mar, contorna do Arsenal, Ferrol Vello e A Magdalena. Estará cofinanciado pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) segundo o convenio de colaboración co Concello de Ferrol, e susceptible de ser financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do programa plurirrexional de España 2021-2027.

“Seguimos avanzando no proxecto máis ambicioso para a cidade, que transformará a fachada marítima e sacamos a licitación as obras da primeira fase de Abrir Ferrol ao Mar”, declarou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.

5,5 MILLÓNS PARA ESTE CONTRATO DE ABRIR FERROL AO MAR

As obras contempladas no proxecto desenvolven en detalle o plan director e propoñen unha serie de obras no primeiro tramo. Estas supoñen unha rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar, a través da reordenación integral do ámbito para conformar un espazo público continuo ao longo da fachada marítima.

PUBLICIDADE

Estas actuacións permitirán retomar a integración da cidade co mar recuperando a concepción orixinal da cidade do século XVIII, articulando os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro co perímetro do Arsenal e os estaleiros. “É o proxecto de transformación urbana máis importante aprobado no municipio en moitos anos no que se actuará en 1,5 quilómetros e en 30.000 metros cadrados”, detallou Rey Varela.

O orzamento do contrato ascende á cantidade 5.542.867,18 euros. No 2025 a inversión prevista é de 2.217.146,87 euros e no 2026 de 3.325.720,31 euros.

O prazo de execución previsto no proxecto é de 18 meses dende o día seguinte á sinatura da acta de comprobación do reformulo. “Este proxecto transformará Ferrol nunha cidade máis conectada, inclusiva e sostible”, afirmou o alcalde.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.