As obras de rehabilitación do castelo de San Felipe avanzan a bo ritmo. Neste contexto, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitaron o lugar.
O rexedor puxo en valor o rico e excepcional patrimonio histórico e cultural co que conta Ferrol. A fortaleza defensiva do século XVI é un dos seus piares, representando o “bastión da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco” e estando catalogada como Ben de Interese Cultural.
A rehabilitación do castelo é posible grazas á “coordinación permanente” entre administracións, que “é fundamental para sacar adiante os grandes proxectos, sendo esta rehabilitación un dos máis importantes”. Así, estes traballos, que comezaron hai un mes, estanse a desenvolver cun investimento superior a 1,1 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia EU financiado pola Unión Europea-Next Generation en colaboración co Concello de Ferrol.
A actuación comprende a conservación e mantemento da batería alta, a rehabilitación inicial e final da Casa do Comandante e a súa adecuación para o seu uso con cafetería. Así mesmo, Rey Varela lembrou que o Concello, inviste preto de 70.000 euros para a renovación da instalación eléctrica no castelo.
Ambas actuacións pretenden dinamizar un enclave vital para a potenciación do turismo na cidade. “Os espazos patrimoniais hai que recuperalos e darlles uso”, aseverou o alcalde. Finalmente, concluíu concluíu lembrando que “os grandes portos do mundo teñen un castelo de San Felipe, como Cartagena de Indias ou San Juan de Puerto Rico, e este é un dos castelos máis importantes non de Ferrol ou Galicia, senón do mundo”.



