PUBLICIDADE

Fene inicia a construción dunha senda peonil en Barallobre

PorBisbarra

Xoves, 3 Xullo 2025 , ,
A alcaldesa de Fene e a concelleira de Obras visitaron o lugar para supervisar as obras.A alcaldesa de Fene e a concelleira de Obras visitaron o lugar para supervisar as obras.

O Concello de Fene iniciou a construción da nova senda peonil na estrada AC-133, en Barallobre. Co gallo desta actuación, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, desprazáronse ao lugar das obras.

Trátase dunha actuación de gran importancia para mellorar a seguridade viaria neste tramo. Ata o de agora, contaba cunha simple beiravía e unha gabia de formigón aberta que dificultaba o paso e supuña un risco para o tránsito a pé.

A intervención conecta os tramos de beirarrúas xa existentes en Fene e Maniños. Consiste na creación dunha senda peonil de 580 metros de lonxitude, executada en formigón de 15 centímetros de espesor. A actuación complétase coa instalación dunha drenaxe soterrada, que substitúe á gabia aberta, mediante tubaxe enterrada conectada a sumidoiros e pozos. Asemade, executarase a canalización soterrada para o alumeado público.

PUBLICIDADE

Durante a visita, a alcaldesa subliñou que a actuación dará resposta a unha demanda da veciñanza e mellorará a seguridade peonil. “Cando finalicen as obras, teremos unha senda cómoda, segura e plenamente integrada no espazo urbano de Barallobre”, matizou.

Pola súa parte, a concelleira de Obras destacou o aspecto técnico do proxecto. Neste sentido, asegura que se resolve “un problema histórico coa drenaxe da estrada, eliminando a gabia aberta e executando unha rede de recollida de augas máis eficiente, ademais de deixar preparada a canalización do alumeado”.

A obra foi adxudicada por un importe de 149.200 euros, con financiamento a cargo do POS+Adicional 2/2022, e conta cun prazo máximo de execución de 13 semanas.

MELLORA DO CAMIÑO DOS CADAVÁS

Por outra banda, a semana pasada recibiuse a obra de mellora do camiño municipal que conecta Os Cadavás coa pista polideportiva de Magalofes. Esta actuación foi financiada con cargo ao POS+2024 da Deputación da Coruña, cun investimento de 35.801 euros.

Os traballos consistiron na repavimentación integral do firme, que se atopaba deteriorado polo paso do tempo. A intervención incluíu tamén a limpeza das marxes e o pintado da sinalización horizontal.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.