Case 30.000 persoas consultan a diario as diferentes canles oficiais do Carballiño. Segundo a administración local, os usuarios consultan as redes sociais, o WhatsApp, a app e a web para coñecer a programación do municipio, os cursos e obradoiros dispoñibles, os avisos sobre subvencións ou os prazos de axudas públicas.
Con esta aposta polas novas tecnoloxías, O Carballiño chega cada día ao dobre da súa poboación. Neste sentido, aseguran manter a conexión coa veciñanza, coa cidadanía de municipios adxacentes, turistas e emigrantes.
Máis de 17.000 persoas seguen as a páxina de Facebook e o perfil de Instagram do Carballiño para coñecer as novas máis relevantes do municipio.
Por outra parte, o Goberno local puxo en marcha o pasado setembro dúas ferramentas gratuítas para a veciñanza. Por unha banda, a aplicación do Concello do Carballiño, que conta con case 3.000 descargas. A través dela pódese facer reservas para o pádel, acceder ás entradas e abonos da piscina municipal, inscribirse nas actividades, consultar e anotarse nos cursos de inglés de verán… O tenente alcalde e concelleiro de Deportes, José Castro, resalta que é unha ferramenta moi útil para comunicarse coa cidadanía e permite un acceso sinxelo.
Pola súa banda, a canle de WhatsApp permite un contacto máis rápido coa veciñanza. Preto dun milleiro de persoas xa están inscritas. “A través do WhatsApp informamos de actividades, concertos, avisos meteorolóxicos, prazos de subvencións…”, explica Diana González, concelleira de Comercio.
As visitas diarias á páxina web do Concello do Carballiño, a canle primixenia de comunicación, tamén son moi numerosas, xa que permite a realización de trámites, consulta de documentos ou inscrición en rexistros municipais. Estas visualizacións, sumadas ás do resto de canles, logran que O Carballiño alcance os 30.000 fogares diariamente.




