PUBLICIDADE

O PP de Oroso denuncia “o desprezo institucional do delegado do goberno na visita á N-550”

PorBisbarra

Xoves, 3 Xullo 2025 , , , ,

O Partido Popular de Oroso manifesta a súa máis “profunda decepción pola visita realizada polo Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ás obras da N-550 no noso municipio sen comunicar absolutamente nada ao Concello nin ao seu alcalde, Alex Doval”.

Din que “trátase dunha mostra clara de desprezo institucional e dunha utilización partidista dos recursos públicos, con coche oficial incluído, nun intento de maquillar o descalabro do PSOE no Goberno central. Un acto sen contido, sen proxectos concretos e sen respecto pola administración máis próxima á veciñanza”.

Engaden que “resulta especialmente grave que se ignore ao Concello de Oroso cando foron as nosas xestións as que puxeron sobre a mesa, o pasado 29 de novembro, sete demandas claras e necesarias para a mellora da N-550. Por exemplo a renovación dos báculos verdes na rotonda e na Avenida da Grabanxa ou a iluminación para os pasos de peóns de Sigüeiro entre outros” .

PUBLICIDADE

Ademais, “colocáronse sinais na Avenida de Compostela sen avisar ao Concello, restrinxindo o aparcamento e afectando directamente ás obras municipais previstas nas beirarrúas así como trastornando a veciñanza con retención quilométricas debido a unha improvisación clara. Nin unha chamada, nin unha mínima vontade de coordinación. Un exemplo máis de improvisación e falta de respecto institucional”, din os populares.

Apuntan que “pero esta falta de seriedade non é exclusiva do Delegado do Goberno. Dende o PP de Oroso tamén lamentamos o silencio cómplice dos representantes locais do PSOE. Especialmente do Deputado Provincial, que ademáis é veciño de Oroso, que continúa desaparecido mentres seguimos agardando polas actuacións prometidas na Avenida da Grabanxa. O seu papel está sendo o de avalar coa súa pasividade a deixadez absoluta dos seus compañeiros de partido”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.