O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide denuncia “o grave estado de abandono que presentan diversos parques infantís do termo municipal, converténdose en espazos inseguros para os nenos e nenas que os frecuentan a diario”.
“Entre as deficiencias máis preocupantes detectadas atópanse o deterioro evidente do mobiliario público: xogos rotos, oxidados ou con pezas soltas, a existencia de instalacións eléctricas sen protección ou ao descuberto, danos nos pavimentos que supoñen risco de caída, así como a ausencia de peches ou valados de seguridade”, explican dende o PP de Melide.
Engaden que “esta situación foi denunciada en reiteradas ocasións por familias e veciños, sen que o Goberno local dera resposta nin acometera actuacións efectivas. Para o PP de Melide, esta deixadez é inadmisible e pon en risco a integridade física dos menores“.
O PP rexistrou unha solicitude formal de información ao Concello, para coñecer que empresas foron contratadas para o mantemento e revisión destes espazos nos últimos dous anos, que custe tiveron os contratos, que actuacións se realizaron realmente e que medidas están previstas para corrixir as graves deficiencias detectadas.
“Os parques infantís deben ser lugares seguros e coidados. O que atopamos en Melide é unha mostra de falta de responsabilidade e preocupación polos espazos públicos destinados á infancia. Esiximos ao Goberno municipal que actúe con urxencia e deixe de mirar para outro lado”, sinalan desde o grupo popular.




