O Concello de Ferrol estable para mañá un dispositivo especial de tráfico pola chegada do buque Juan Sebastián Elcano. A medida responde á posibilidade de que moitas persoas se acheguen ata a bocana da ría para ver a entrada.
Debido a que os accesos a esta zona son vías estreitas e hai poucos lugares onde poder estacionar, adoptaranse unha serie de medidas en materia de tráfico. Asemade, realizaranse recomendacións para evitar problemas de seguridade viaria e bloqueos.
Así, durante a mañá a Policía Local prestará atención á zona para asegurar que as vías se atopen nas condicións idóneas. A partir das 15:00 horas, prestarase servizo de forma permanente na zona de San Felipe, San Cristóbal e Cariño para que o tráfico resulte seguro. Por outra parte, facilitarase o acceso de vehículos ás zonas de estacionamento mentres exista espazo dispoñible para aparcar, evitando o estacionamento na calzada.
Tan pronto se esgote o espazo para estacionar, restrinxirase o acceso a distintas zonas, habilitando un circuíto nun único sentido, onde o tráfico rodado poderá chegar desde A Graña a San Felipe, marchándose por San Cristóbal, Brión e Cariño cara a saída da zona. Esta medida non afectaría a residentes, permitindo a comunicación entre San Cristóbal e San Felipe e A Graña.
Ademais, a liña de microbús que circula pola zona de Brión, San Cristóbal e San Felipe podería ver alterados os horarios que coincidan coa entrada do buque. Máis concretamente serían, no día de mañá, os servizos das 15.30 e 19 h Ferrol-San Felipe, os de San Felipe-Ferrol das 16.15 e 19.45 h. Así mesmo, podería afectar ao servizo das 10.00 h do sábado 12.
Para o mércores 9 habilitarase un dispositivo de seguridade viaria en canto aos accesos ao porto de Ferrol, xa que está prevista a chegada do buque ao peirao de Ferrol. Finalmente, tamén se organizará o sábado 12 con motivo da súa saída.



