O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla suma xa 70 persoas usuarias acreditadas para empregar as instalacións situadas no recinto feiral de Moeche. Recentemente chegouse a esa cifra tras o curso para o manexo dos equipamentos no que participaron 24 persoas. Esta formación, indispensable para empregar as instalacións, consta de 15 horas e ofrece coñecementos sobre seguridade, hixiene e tratamentos térmicos dos alimentos. A formación prosegue este xoves cunha nova actividade dirixida á capacitación básica de axudantes das usuarias e usuarios principais.
O curso desenvolveuse en tres módulos. O primeiro, de carácter teórico, abordou durante cinco horas cuestións fundamentais como a definición de hixiene alimentaria, os tipos de contaminación dos alimentos, a xestión de alérxenos, a trazabilidade, os sistemas de autocontrol baseados na análise de perigos e puntos de control crítico (APPCC) e a normativa de etiquetaxe e rexistro sanitario, entre outros contidos. Tamén se explicaron prácticas correctas de manipulación, así como os plans de limpeza, desinfección e control de pragas.
No segundo módulo teórico, tamén de cinco horas, analizáronse os principios dos equipos utilizados para o tratamento térmico dos alimentos. O alumnado coñeceu a teoría sobre a conservación en autoclave, os valores de esterilización e pasteurización, a clasificación dos sistemas térmicos e os factores críticos que condicionan o proceso, así como a documentación e trámites regulamentarios asociados a este tipo de elaboracións.
A parte práctica da formación de cinco horas permitiu familiarizarse coas instalacións e cos equipos dispoñibles na Fusquenlla. Fixéronse prácticas de uso de maquinaria como a autoclave, a deshidratadora, a trituradora, o forno de convección, a prensa ou a dosificadora volumétrica, e tamén se aprenderon técnicas de medición de pH, limpeza efectiva de utensilios e aspectos específicos de seguridade no manexo de alimentos.
FORMACIÓN PARA ACOMPAÑANTES
As persoas acreditadas poden solicitar no Concello de Moeche a súa autorización para facer uso do Centro de Transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Ademais, hoxe desenvolverase na Casa da Xuventude de San Sadurniño, de 18:00 a 20:00h, unha sesión formativa específica para persoas acompañantes das produtoras principais. A actividade, cun enfoque práctico e contidos reducidos, céntrase especialmente no manexo seguro dos aparellos e nas tarefas auxiliares como a carga e descarga de produtos ou a limpeza do obradoiro.
O curso ten un límite de dúas persoas acompañantes por cada produtora acreditada. A intención do proxecto A Fusquenlla con esta formación para axudantes é facilitar o traballo colaborativo e garantir unha mellor organización nas sesións de elaboración, sobre todo no caso das produtoras e produtores de autoconsumo.




