As inscricións neste II Torneo de Xadrez de Cariño, que son de balde, pódense formalizar ata dez minutos antes do comezo da competición que se desenvolverá no alpendre do Paseo Marítimo
O II Torneo de Xadrez de Cariño, organizado polo Centro de Innovación Universitaria (CIDU) e por Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias (INCUDE), coa colaboración do Concello, a través da súa delegación de Deportes, dispútase o vindeiro sábado 12 de xullo no alpendre do Paseo Marítimo e está aberto a persoas de todas as idades.
O torneo busca dar difusión ao xadrez na comarca de Ortegal, e contará cun total de cinco categorías, que abarcan todas as idades: Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14 e absoluta. Disputarase desde as 17:00 ata as 20:00 horas nun total de 5 roldas por sistema suízo a ritmo de 15’+3”, contando cun período previo para resolver dúbidas sobre a competición e sobre o xogo do xadrez en xeral.
Haberá trofeo para os tres primeiros clasificados de cada categoría e un libro e un pequeno agasallo para todos os participantes. Ademais, haberá unha medalla para todos os participantes Sub-14.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, anima a todos os interesados a participar nesta cita, comentando que “este tipo de iniciativas non só fomentan a práctica do xadrez, senón tamén o desenvolvemento do pensamento estratéxico, a concentración e a convivencia interxeracional”. Na mesma liña, a rexedora subliña que “tamén é unha oportunidade para gozar en familia e pasar unha tarde diferente nunha contorna privilexiada como é o noso Paseo Marítimo”.
As inscricións neste II Torneo de Xadrez de Cariño, que son de balde, poden formalizarse ata 10 minutos antes do inicio da competición de forma presencial ese mesmo día ou a través da seguinte ligazón: II Torneo de Xadrez.



