A Deputación de Ourense destinará durante este mandato preto de 550.000 euros ao Concello de Quintela de Leirado, a través do Plan CooperOU. Así o resaltou o presidente provincial, Luís Menor, durante unha visita institucional ao municipio. Alí puxo en valor “o extraordinario traballo a prol do territorio e da veciñanza” que desenvolve o Goberno local, presidido por José Antonio Pérez Cortés, en cooperación coa Deputación.
Menor, acompañado polo alcalde e membros do equipo de goberno, subliñou a importancia da cooperación entre a Deputación e o Concello, sinalando que é “un modelo de creación e prestación de servizos”. Nesta mesma liña, o alcalde destacou que sen a cooperación da Deputación “sería imposible presumir de ser un concello moderno, con rúas urbanizadas e todos os servizos necesarios para os veciños”.
Durante a visita a Quintela de Leirado, a comitiva desprazouse ás escavacións que os arqueólogos están a facer no xacemento das Mamoas de Chan. Recentemente, iniciáronse traballos de escavación dunha das mámoas e atopáronse xa cerámicas e restos dunha arca funeraria.
O ámbito social tamén estivo presente na axenda, cunha visita á casa comunitaria de Xacebáns. Asemade, os representantes locais e provinciais supervisaron as obras realizadas a través do Plan CooperOu e do programa Hurbe da Xunta de Galcia.
Antes da reunión na casa consistorial, Menor visitou o edifico multiusos, que acolle o Museo da Emigración. Alí puxo en valor a recuperación dunha “historia singular da vida dos habitantes deste concello en Guinea, onde marcharon traballar nas explotacións de cacao”.




