PUBLICIDADE

A Xunta solta na praia ferrolá de Esmelle sete polos de píllara das dunas

PorBisbarra

Luns, 14 Xullo 2025 , ,
Grazas ao plan de recuperación da píllara das dunas, este ano criáronse 30 polos en catividade.Grazas ao plan de recuperación da píllara das dunas, este ano criáronse 30 polos en catividade.

A Xunta de Galicia soltou na praia de Esmelle sete polos de píllara das dunas criados en catividade. A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias; e persoal técnico e representantes da USC, Jesús Domínguez e María Vidal; participaron na solta no areal ferrolán.

Esta acción enmárcase dentro do plan de recuperación desta especie promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Este proxecto conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a axuda de entidades colaboradoras, como a Sociedade Galega de Historia Natural.

Esta medida de incubación artificial ten como obxectivo incrementar a produtividade da poboación local. Desenvólvese a través do programa de conservación ex situ que se leva a cabo no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros. No marco deste programa, este ano criáronse uns 30 polos de píllara das dunas que están a ser liberados nas praias de Esmelle, Baldaio (Carballo) e no Grove. Os sete exemplares liberados en Esmelle súmanse aos 8 polos que xa foron liberados anteriormente na mesma praia e aos tres que está previsto liberar nun areal do Grove.

PUBLICIDADE

COMPROMISO E COLABORACIÓN PARA RECUPERAR A PÍLLARA DAS DUNAS

Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que se desenvolve dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Asemade, salientou a implicación do persoal técnico, tanto dos axentes medioambientais como dos vixiantes neste programa da Xunta. Ademais, destacou que este proxecto está incluído tamén no Programa de cooperación Interreg España-Portugal (Poctep).

A delegada lembrou que a preservación da flora e da fauna autóctonas forma parte do día a día destes traballadores, cuxo labor principal consiste na protección do patrimonio natural e en eliminar ou advertir os posibles perigos e ameazas que pesan sobre o mesmo. “É fundamental que a cidadanía respecte as sinalizacións e os carteis informativos das praias galegas onde aniña esta especie, incluída na categoría de vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, incidiu.

O obxectivo desta medida prevista no programa de actuacións do Plan de conservación da píllara das dunas é que aumente a súa presenza no norte da provincia da Coruña. Segundo explicou a bióloga da USC, María Vidal Malde, desde o inicio deste pioneiro proxecto en 2018 foron liberados un total de 168 polos e “tense constatada a súa cría en praias de Ferrolterra, Bergantiños, Costa da Morte, Barbanza, norte de Portugal e, incluso, nesta primavera observouse un exemplar no Mar de Wadden (Holanda)”.

Neste sentido, a bióloga defende a estratexia de liberar os polos nas praias da comarca. Así pois, destacou que nos últimos anos criaban en Esmelle tres ou catro parellas. Non obstante, este ano están criando sete parellas con bo éxito de polos.

A Xunta de Galicia vén traballando na conservación desta especie a través do plan de recuperación, sendo consciente da importancia deste labor e da responsabilidade que implica o feito de que as poboacións da píllara das dunas na costa cántabro-atlántica estean instaladas exclusivamente en territorio galego.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.