O Concello de Barbadás inicia as obrase de rehabilitación do firme na rúa Fonsillón. Máis en concreto, actuarase no tramo comprendido entre o cruce coa rúa da Campiña e o límite co Concello de Ourense. Trátase dunha actuación prioritaria do Plan de Obras 2025 municipal, cun investimento de 30.000 euros e un prazo de execución dun mes.
A intervención foi solicitada pola asociación veciñal do barrio e supón unha mellora significativa para a seguridade e mobilidade de vehículos e peóns. Neste sentido, trátase dunha vía moi transitada que comunica o núcleo da Valenzá coa estrada N-525. Os traballos incluirán o cambio do firme superficial, o pintado das marcas viarias e a substitución do actual redutor de velocidade, que se atopa moi deteriorado.
A tenente de alcalde e concelleira de Infraestruturas, Victoria Morenza, destaca que “desde o Concello marcamos como prioridade esta actuación debido ao mal estado do firme e coa súa rehabilitación buscamos mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
Esta actuación enmárcase nun conxunto de nove obras previstas no Plan de Obras 2025 de Barbadás, que conta cun orzamento total de máis de 1,1 millóns de euros. Este plan inclúe melloras en iluminación, accesibilidade, equipamentos deportivos, saneamento e rehabilitación de infraestruturas en todo o municipio.



