Un grupo de veciños da parroquia de Franza, no Concello de Mugardos, presentou no rexistro municipal un escrito con 888 sinaturas para solicitar a conservación da antiga escola do Cruceiro. Así pois, instan ao Goberno local que inclúa este inmoble no catálogo de bens patrimoniais do plan de ordenación urbanística municipal.
Neste sentido, o documento tamén solicita ao Arcebispado de Santiago, propietario do inmoble, que realice as actuacións necesarias para a súa conservación. O obxectivo é retirar o edificio da lista vermella do patrimonio galego, apelando á gran relevancia da antiga escola na memoria colectivo da veciñanza de Franza.
Así pois, o Concello de Mugardos comprometeuse con esta proposta e, tras reunirse coa veciñanza, o alcalde, Juan Domingo de Deus, presentou a cuestión na xunta de portavoces. Agora, o compromiso trasladarase á Concellería de Urbanismo para que informe a todos os grupos da corporación.
Desde o Goberno local confían en que o Arcebispado se faga eco desta iniciativa e que esta escola indiana, activa ata 1932, reciba a protección que merece “como parte da historia de Mugardos”. De non ser posible, o consistorio espera que se ceda o inmoble ao Concello para que poida destinalo a usos sociais.