A Asociación de Empresarias Rurais (ASER) celebrou no Viveiro de Empresas de Cerdeda a xornada Cómo planificar hoxe o relevo de mañá, á que asistiron máis de 50 persoas, representantes do mundo empresarial e institucional, interesadas nos problemas da remuda xeracional no medio rural e a incorporacións das novas xeracións ás empresas familiares.
O evento, presentado pola presidenta de ASER, Isolina Raña, contou coa análise e presentación de casos prácticos de remuda xeracional e transmisións patrimoniais a cargo de Nicolás Santos, Sandra Iglesias e Simón Beceiro do despacho Garrigues. Neste acto estiveron presentes Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, o alcalde de Cerceda Juan Manuel Rodríguez, o director da Oficina Económica da Xunta de Galicia Juan Carlos Reboredo, a presidenta de Fademur Rosa Arcos e a decana do Colexio de Economistas de Pontevedra, Lucy Amigo, entre outras autoridades.
Na conferencia que centrou a xornada, os expertos de Garrigues apuntaron á falta de planificación como principal causa do fracaso na sucesión empresarial e a resistencia á profesionalización. Na súa ponencia, expuxeron cómo planificar con éxito a sucesión dentro dunha empresa familiar e o actual marco normativo de sucesións, con beneficios fiscais para este tipo de compañías. “Unha planificación axeitada permite a protección dos herdeiros, evitar conflitos e optimizar a fiscalidade”, afirmou como conclusión
Nicolás Santos, experto en Dereito Tributario e socio de Garrigues.
Na apertura interviu o director da Oficina Económica de Presidencia da Xunta de Galicia, Juan Carlos Reboredo, quen gabou a iniciativa de ASER de impulsar unha xornada dun tema tan transcendental para a remuda no rural, porque “con eventos así as administracións podemos tomar nota”.
A xornada contou con destacada presenza institucional e contou na clausura coa presenza do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, que destacou a aposta de ASER por Cerceda ao elixir o viveiro empresarial como sede, e destacou como reto a sucesión nos concellos rurais, animando aos máis novos a emprender, “porque sempre é un reto”.