PUBLICIDADE

A Xunta lembra que inviste preto de 15 millóns na xestión da auga en Santiago de Compostela

PorBisbarra

Xoves, 27 Marzo 2025 , , ,
Autor

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, mantivo un encontro coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, na que analizaron distintas actuacións relacionadas coa xestión da auga de intereses para o municipio. Neste sentido, o Executivo galego ten comprometidos preto de 15 millóns de euros de investimento en distintas actuacións previstas ou postas en marcha neste concello coruñés.

Os investimentos máis importantes son o da construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, para a que a Xunta aportará preto de 11 millóns de euros ata 2026, e as obras de abastecemento e saneamento nas zonas rurais do municipio, nas que aportará ata 3,5 millóns de euros de financiamento como recolle o protocolo asinado en agosto do ano pasado.

Neste sentido, a alcaldesa trasladou ao director de Augas de Galicia o primeiro dos proxectos que o Concello considera necesario desenvolver –o abastecemento no lugar da Veiga, na parroquia do Eixo- dentro do acordo polo que o Goberno local avaliará as necesidades do municipio neste eido co fin de que o organismo hidráulico autonómico aporte o 70% do investimento e o Concello o 30% restante. O fin último é mellorar, en colaboración coa Administración local, os servizos á veciñanza de Santiago de Compostela ofrecendo auga accesible, de calidade e con todas as garantías

PUBLICIDADE

Outro proxecto que avaliaron as partes á marxe deses grandes investimentos foi a naturalización da lagoa do auditorio e a restauración fluvial do río Corgo. Trátase dun proxecto que conta con financiamento estatal que o Goberno local se comprometeu a remitir a Augas de Galicia nos próximos días pois precisa das correspondentes autorizacións para garantir que os traballos son respectuosos co medio hídrico. Unha vez recibido, os técnicos do organismo hidráulico avaliarán a proposta para facilitar a actuación e velar porque se desenvolve de xeito sostible.

A rexedora tamén expuxo os problemas urbanos de inundacións por desbordamentos de colectores municipais que ten identificados en distintos puntos da cidade. Unha das actuacións que pretende desenvolver é na contorna de Fontiñas e da avenida de Lugo, para a que pedía cofinanciamento á Xunta. Neste caso, o director de Augas de Galicia trasladoulle que as liñas de fondos europeos dispoñibles para inundacións están dirixidas só a asolagamentos causados por desbordamentos de ríos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.