PUBLICIDADE
Rosalía Morlán nomeada Filla Predilecta do Concello de TrazoActo de nomeamento da escritora e poeta Rosalía Morlán como Filla Predilecta do Concello de Trazo (Fotos: N. Navaza)

Rosalía Morlán, poeta e escritora nada en Vilariño, recibiu o recoñecemento do Concello á súa traxectoria profesional e vital nun emotivo acto que encheu o auditorio da Aula Multidisciplinar de Trazo

Rosalía Morlán Vieites (Parroquia de Vilariño, 1959) recibiu o pasado sábado o recoñecemento como Filla Predilecta do Concello de Trazo durante un emotivo acto que se desenvolveu no auditorio da Aula Multidisciplinar do municipio. Un recoñecemento á traxectoria profesional e humana da poeta e escritora, e polo seu forte vencellamento afectivo e creativo con Trazo, terra que a viu nacer.

Centos de persoas entre familiares, amigos, veciños, representantes culturais e autoridades municipais e autonómicas ateigaron o salón de actos para facer este recoñecemento a Rosalía Morlán, figura destacada no ámbito sanitario e literario do municipio.

Enfermeira de profesión, Rosalía Morlán exerce como supervisora no Hospital Provincial de Conxo e é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Paralelamente, desenvolve unha intensa actividade como poeta, cunha obra recoñecida e premiada, especialmente no ámbito da literatura infantil e xuvenil.

PUBLICIDADE

A alcaldesa Josefina Suárez entregoulle a Rosalía Morlán o diploma e a medalla do primeiro recoñecemento que fai o Concello de Trazo como Filla Predilecta durante un acto no que tamén interviu o conselleiro de Cultura, José Luis López Campos, quen agradeceu “a profusa e ampla dedicación” de Rosalía Morlán á literatura infantil a través de “excelsas obras” en narrativa, poesía e teatro.

As creacións de Rosalía Morlán reflicten un grande amor, respecto e alta estima polo oficio da escrita, pola nosa lingua e polo público ás que van dirixidas” (José Luis López Campos, conselleiro de Cultura)

A rexedora, durante a súa intervención e antes de oficializar este recoñecemento, detacou a figura de Rosalía Morlán e o seu forte vencellamento con Trazo, que aparece en toda a súa obra como escenario emocional, xeográfico e simbolíco, e como elemento central do seu universo creativo. “Trazo conta coa súa propia Rosalía”, destacou Josefina Suárez.

“Este nomeamento supón un merecido recoñecemento a unha persoa que, ademais da súa excelencia profesional, destaca pola súa calidade humana, e que representa un exemplo e referente para as novas xeracións de trazoás e trazoáns”, engadiu a alcaldesa que tamén puxo en valor a forte implicación de Rosalía Morlán nos actos culturais e campañas de sensibilización promovidas polo Concello, como o 8M ou o 25N.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.