PUBLICIDADE

A VII Feira do Queixo de Moeche encheu o recinto feiral de San Ramón

A VII Feira do Queixo de Moeche que se celebrou onte domingo e que contou coa participación dun total de 33 queixerías de toda EspañaA VII Feira do Queixo de Moeche que se celebrou onte domingo e que contou coa participación dun total de 33 queixerías de toda España

A Feira do Queixo contou nesta edición con 33 queixerías, 18 galegas e 15 do resto do territorio español, nunha xornada na que tamén houbo artesanía, música ou catas comentadas

A VII Feira do Queixo de Moeche, que se desenvolveu onte domingo 30 de marzo no recinto feiral de San Ramón, foi todo un éxito de asistencia e participación, nunha xa consolidada cita no calendario gastronómico e cultural que reúne a persoas chegadas de toda Galicia e do resto do territorio español arredor do queixo, un dos produtos máis representativos da artesanía gastronómica da zona.

Dende primeira hora da mañá, numeroso público probou e mercou os queixos nos 33 postos (18 galegos e 15 do resto de España) dedicados ao queixo nas súas diferentes variedades, como as de produción propia de Lácteos Moeche ou dos municipios próximos como Queixos Sanjurjo, Queixos Brigantia, Queixerías do Eume, O Casal ou Campo Capela.

Tamén esta VII Feira do Queixo contou con variedades chegadas de toda Galicia e queixerías de Guipúzcoa, Cantabria, Zamora, León, Badajoz, Valladolid, Ciudad Real e Asturias. Precisamente, a Asturias pertence a convidada especial deste ano: Asiegu, a única ecolóxica da DOP Cabrales.

PUBLICIDADE

As catas comentadas a cargo de Alejandro Montes, da Queixería Marqués de Valladares de Vigo, reuniron a numeroso público interesado en coñecer a opinión dun experto sobre algúns dos queixos que se podían atopar nesta VII Feira do Queixo de Moeche.

Unha feira na que tamén se venderon outros produtos de artesanía alimentaria como pan, embutidos,
chocolates, galletas, zumes, marmelos ou mel. No eido cultural o programa incluíu obradoiros para a cativada sobre a elaboración de queixos, ou de creación de flores con follas de millo. Na parte musical, os sons correron a cargo de Cantaberneiros, e houbo tamén un espazo adicado á maxia co espectáculo do ilusionista Dani García.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, mostrouse moi satisfeita co éxito desta VII Feira do Queixo, e na que o público ateigou as naves do recinto feiral de San Ramón durante toda a xornada. Os produtores trasladaron á rexidora que venderon moitísimo, as zonas de aparcamento quedaron pequenas e tanto para os obradoiros como para as catas cubríronse todas as prazas ofertadas.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.