O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar Landeira, formalizaron hoxe o convenio de cooperación para o cofinanciamento do proxecto “As cabeceiras do Xallas”, unha actuación destinada á recuperación e posta en valor dos espazos naturais onde nace un dos ríos máis singulares de Galicia. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Turismo, Promoción Econónica e Emprego, Noelia Baleato Toja.
O acordo supón un investimento total de 48.526,94 euros, dos que a institución provincial achega 38.821,55 euros, o que representa o 80% do financiamento.
O presidente da Deputación destacou a colaboración entre administracións que fai posible este proxecto de mellora do entorno. Neste sentido, subliñou que a actuación “vai permitir descubrir e dar valor a un espazo único, que forma parte da identidade do Xallas e da provincia da Coruña, ao tempo que abre novas oportunidades para un desenvolvemento turístico sostible no rural”.
Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba puxo en valor a importancia desta intervención para o municipio, sinalando que “é un proxecto moi agardado, que nos permite recuperar patrimonio, coidar o noso entorno e ofrecer novas alternativas de lecer tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan”.
O proxecto contempla a rehabilitación do histórico Muíño do Relo, a creación de itinerarios de sendeirismo que conectarán as diferentes cabeceiras do río Xallas e a súa conexión coa fervenza de Castriz, así como a sinalización dos principais elementos de interese turístico da zona. Trátase dunha intervención que busca recuperar o patrimonio etnográfico e natural, ao tempo que se crean novos espazos de lecer saudable para a veciñanza e visitantes.
A actuación desenvolverase nunha contorna de gran valor paisaxístico e ambiental, no Monte Castelo e nas parroquias de Vilamaior, Bazar e Castriz, onde se atopan os regos que dan orixe ao río Xallas. O proxecto permitirá visibilizar estes espazos, conectar diferentes puntos de interese e reforzar o atractivo turístico da zona.
Ademais, a iniciativa contribuirá á conservación do medio ambiente e á promoción dunha cultura sostible, favorecendo o coñecemento e respecto polos recursos naturais e patrimoniais, ao tempo que impulsa a dinamización económica do rural.



