O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de mellora e ampliación da rede de saneamento municipal no núcleo de Xiadás (Gastrar), onde se pretende instalar unha nova canalización de 313 metros de tubaxe e a execución de 8 pozos de rexistro e 11 arquetas para conexións. Uns traballos que deron comezo esta semana coa escavación da zanxa precisa para o soterrado das canalizacións.
A maiores, o proxecto inclúe a construción dunha pequena estación depuradora composta dunha arqueta con reixa de desbaste, fosa con decantador-dixestor e filtro biolóxico, arqueta de inspección e toma de mostras e un pozo filtrante con recheo de grava ao seu arredor. Unha instalación apta para depurar unha carga contaminante correspondente a 25 habitantes equivalentes.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, explica que “continuamos ampliando e mellorando a nosa rede municipal de saneamento. Por unha banda temos que dicir que as obras da aldea de Zaramacedo, na parroquia de Lamas, avanzan a moi bo ritmo e esta semana comezamos coas obras de saneamento na aldea de Xiadás, en Gastrar. E seguiremos ata completar os oito núcleos de poboación incluídos neste proxecto no que estamos a investir máis de 400.000 euros”.




