PUBLICIDADE
Formoso anuncia a inclusión de cláusulas demográficas nas licitacións de servizos públicos provinciais, buscando loitar contra o despoboamento do rural de maneira activa.

A Deputación da Coruña presentou hoxe o seu orzamento para 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros. Trátase da cifra máis elevada da historia da institución provincial e supón un incremento do 6,67% respecto ao exercicio anterior. Un orzamento expansivo, solvente e que mantén por décimo ano consecutivo a débeda cero e que impulsa o modelo de progreso, cohesión territorial e aposta polo municipalismo que a corporación vén desenvolvendo durante a última década.

As contas serán sometidas a aprobación no pleno extraordinario convocado para este venres, 21 de novembro, ás 12.00 horas.

O presidente, Valentín González Formoso, destacou que estes orzamentos “representan unha ferramenta de previsibilidade imprescindible para os concellos da provincia, que saberán con antelación que recursos recibirán da Deputación e poderán planificar con seguridade, a partir do 1 de xaneiro, os seus investimentos e servizos”. Subliñou ademais que, a pesar do forte incremento das partidas sociais e dos investimentos estratéxicos, a institución mantén “débeda cero, taxas e prezos públicos conxelados e a capacidade de pagar as facturas nunha media de dez días, demostrando que os gobernos de progreso tamén son xestores eficaces”.

PUBLICIDADE

O vicepresidente Xosé Regueira salientou pola súa parte que se trata de “uns orzamentos pensados para servir aos concellos, transparentes, con criterios obxectivos e afastados da discrecionalidade que existía hai unha década”. Lembrou que, en 2015, cando o actual goberno provincial accedeu á institución, entre un 20 e un 30% dos fondos repartíanse por decisión política directa. “Hoxe, o sistema garante igualdade, equidade e xustiza territorial”, concluíu.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.