A Deputación da Coruña presentou esta mañá un proxecto orientado a facer máis accesible e inclusiva a Rede Cultural da institución, co obxectivo de garantir que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, poidan participar en igualdade nas propostas culturais. No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a presidenta de Escena Galega, Patricia de Lorenzo; e a coordinadora da actividade, Carme Giráldez.
Durante a presentación, González explicou que a iniciativa nace «cun obxectivo moi claro: facer que a cultura na provincia da Coruña sexa realmente accesíbel para todas as persoas», porque ademais dun dereito «é tamén como unha responsabilidade pública».
A deputada salientou, ademais, que este reto require dunha acción compartida, xa que «ningunha administración pode facelo soa», polo que considerou necesario o traballo conxunto entre a Deputación, os concellos e o conxunto do sector cultural para garantir a participación en igualdade de condicións.
A iniciativa responde á necesidade de adaptar o actual modelo da Rede Cultural ás novas esixencias en materia de cultura inclusiva, promovendo un acceso efectivo á programación cultural impulsada pola institución provincial. Neste sentido, González subliñou a importancia de «pasar das intencións ás accións concretas» e avanzar cara a unha accesibilidade real.
A proposta avanza cara a un enfoque máis transversal, no que a accesibilidade non sexa un elemento puntual, senón un criterio estrutural presente na planificación, na produción e na mediación cultural. O proxecto desenvolverase ao longo de 2026 e procura «converter a accesibilidade nunha práctica real dentro da Rede Cultural» —incidiu a deputada— contando coa participación de todos os axentes implicados, incluídas as propias persoas con discapacidade.



