O Concello do Pereiro de Aguiar comezou a campaña de prevención de incendios forestais do ano 2026. Neste sentido, informou á veciñanza da obriga de manter a xestión da biomasa antes do 31 de maio para protexer a contorna.
Así, o Goberno local insiste na limpeza das parcelas. “É obrigatorio desbrozar e limpar maleza e lixo en núcleos rurais e faixas de protección”, explican. Asemade, fan fincapé na prohibición de especies como piñeiros, eucaliptos, acacias, toxos ou xestas nestas zonas.
O Pereiro de Aguiar apela á responsabilidade cidadá e lembra que “o incumprimento pode derivar en sancións e na obriga de pagar os gastos de extinción en caso de lume”.
Loita contra a Vespa Velutina no Pereiro de Aguiar
No tocante á loita contra a velutina, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) reforzou o trampeo preventivo en todo o termo municipal. O obxectivo actual é capturar as raíñas para evitar a formación de miles de novos niños durante o verán.

Segundo a administración local, “esta medida protexe o sector apícola local, a biodiversidade e a seguridade dos veciños e veciñas”.



