O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, esixiulle ao alcalde, Anxo Rei, “unha rectificación inmediata e desculpas públicas por vincular o Partido Popular cos ataques machistas a dúas concelleiras do goberno local e coas críticas verquidas contra o executivo socialista desde perfís e páxinas anónimas en redes sociais”.
Tal e como xa tiña feito tras os comentarios machistas recibidos pola concelleira Chus Campos nunha ocasión anterior, o voceiro popular comezou condenando ditos ataques e manifestando a súa solidariedade e apoio ás compañeiras de Corporación Chus Campos e Laura Horta.
Dito iso, Rodríguez Conde cambiou o tono para dirixirse ao alcalde por relacionar o Partido Popular con ditas publicacións “sen proba de ningún tipo e unicamente coa mala fe e a mala intención dun político trileiro”.
“Non é a primeira vez que o alcalde espalla insidias semellantes contra o Partido Popular, que son inadmisibles e irresponsables, porque prexudican a convivencia e enturbian unhas relacións que deberían ser cordiais”, argumentou o edil popular.
“Se Anxo Rei non rectifica e se disculpa, valoraremos romper calquera relación institucional co goberno local e non descartamos acudir á xustiza para retratar as súas mentiras e difamacións”, engadiu.
“Nin o Partido Popular de Padrón nin eu empregamos xamais contas ou perfís falsos para criticar o goberno, porque sóbrannos argumentos e educación para facelo dando a cara. Así que nós somos os primeiros interesados en que se esclareza o acontecido para deixar de novo en evidencia a un alcalde mentiroso”, asegurou o voceiro popular. Na súa opinión, “o que parece que pretende o alcalde no fondo é lanzar unha mensaxe á veciñanza de que calquera persoa que se atreva a criticalo pode acabar no xulgado e iso xa é máis preocupante, porque non é unha actitude moi democrática”. “Por desgraza, todos recibimos comentarios e ataques nas redes sociais, pero hai que saber manexar a situación como cargos públicos e persoas adultas que somos. O que non debe facer o alcalde é ter a pel tan fina cando lle tocan as críticas a el e empregar outra vara de medir cando lle tocan aos demais”, enfatizou Rodríguez Conde.




