PUBLICIDADE

A deputada de Cultura destaca en Outes a importancia do apoio económico da Deputación, para a dinamización cultural e a recuperación do patrimonio tradicional

Sol Agra (2ª esq) e Natividade Glez (1ª der), con membros da directiva da AAVV

A Deputación da Coruña destaca en Outes o «impulso veciñal organizado» na recuperación das tradicións e na dinamización cultural. As deputadas de Cultura e Lingua, Natividade González e Sol Agra, reuníronse neste concello cunha representación da Asociación Veciñal Feira dos Carros de Cando, un encontro que lles permitiu coñecer máis de preto a súa actividade.

As deputadas puxeron en valor o traballo da entidade, cun cento de persoas asociadas, sobre todo grazas ao pulo dunha xunta directiva en que é moi salientábel o papel de xente moza.

«Grazas ao seu empeño, este ano recuperaron a tradicional feira dos carros, que levaba máis de cincuenta anos sen celebrarse, cun rotundo éxito de participación», subliñou Sol Agra.

PUBLICIDADE

«Para a Deputación da Coruña é moi importante seguir de preto, e apoiar no que sexa posíbel, entidades profundamente comprometidas coa cultura», expresou Natividade González.

As deputadas tamén reivindicaron a importancia do tecido veciñal nos concellos da provincia da Coruña, especialmente nos rurais, subliñando o papel «esencial» que xogan para a dinamización social e cultural.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.