O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou este luns unha nova proposta dirixida ás familias compostelás: a creación dun Servizo Municipal de Canguraxe pensado para ofrecer apoio puntual cando aparezan situacións imprevistas que dificultan a conciliación.
Durante a súa comparecencia, Verea lembrou que nas últimas semanas o Partido Popular vén presentando diferentes iniciativas centradas “en facer máis fácil o día a día das familias compostelás e en abrir máis oportunidades aos seus fillos”. Entre elas, citou a proposta para que o Concello asuma directamente a organización das actividades extraescolares, a creación da Parada Familiar e da Bolsa Familiar Zona Azul, así como o programa de inmersión lingüística en Irlanda para alumnado de 3º da ESO ou a nova rede de campamentos de verán en Galicia.
“Levamos varias semanas falando de algo moi simple: de como facer máis fácil a vida das familias e de como abrir máis oportunidades aos seus fillos”, resumiu.
Neste contexto, o líder popular puxo o foco nunha realidade que, segundo explicou, coñece perfectamente calquera pai ou nai: a dificultade para conciliar cando aparece un imprevisto.
“A vida real non funciona cun calendario perfecto. Ás veces aparece unha entrevista de traballo, unha cita médica que non pode esperar, unha reunión inesperada ou simplemente un problema familiar que hai que resolver. E nese momento moitas familias atopan a mesma dificultade: non teñen con quen deixar aos seus fillos”, sinalou.
Por iso, o PP propón crear un Servizo Municipal de Canguraxe como recurso de apoio para situacións puntuais e imprevistas, pensado para complementar ás familias “sen substituír nin á familia nin aos servizos educativos”.
Segundo explicou Verea, trataríase dun servizo flexible, con horas limitadas por unidade familiar e pensado para poder chegar ao maior número posible de fogares composteláns. Ademais, o apoio prestaríase no propio domicilio das familias cando fose necesario e contaría con atención profesional.
“Ás veces unha familia non necesita unha gran axuda económica. Necesita algo moito máis simple: tempo, tranquilidade e a seguridade de saber que non está soa cando aparece un problema”, afirmou.
Borja Verea asegurou que o seu obxectivo é “un Santiago que pense máis nas familias, que entenda mellor a súa realidade e que estea ao seu lado non só cando todo vai ben, tamén cando a vida se complica un pouco”.
“Porque unha cidade familiar non se constrúe só con grandes proxectos. Constrúese tamén estando ao lado da xente cando máis o necesita”, concluíu.




