A concelleira de Recursos Humanos, Susana Sanjurjo, presentou na Mesa Xeral de Negociación a OPE (Oferta Pública de Emprego) correspondente ao ano 2025. A proposta foi aprobada cos votos a favor da CSIF (Central Sindical Independente e de Funcionarios) e a abstención do resto de sindicatos. “É a primeira vez nos últimos oito anos que un Goberno presenta en tempo a OPE, que debe presentarse un mes despois de entrar en vigor o orzamento da anualidade correspondente”, resaltou a edil.
Segundo apuntou Sanjurjo, a presentación da OPE do 2025 segue a liña estratéxica marcada polo Goberno local en canto á reorganización municipal. Así mesmo, tamén prosegue a incorporación do persoal necesario para mellorar a atención cidadá nos diferentes departamentos e facer máis áxil a administración local.
A través desta OPE incorporaranse dous técnicos de administración xeral, cinco administrativos, un técnico de cultura, seis policías locais, un oficial para o cemiterio e un peón. En total, son 16 funcionarios de novo ingreso, que ocuparán as vacantes que existen na actualidade por xubilación. Ademais, dentro da promoción interna contémplase a oferta de catro oficiais.
Nesta liña, a titular de Recursos Humanos salientou que a aprobación da OPE vai directamente ligada á eficiencia na aprobación dos orzamentos. Así, “damos resposta á necesidade de dotar de persoal áreas como a da Policía, tan importante para garantir a seguridade”, finalizou Sanjurjo.