García Climent mostra as súas obras de realismo figurativo coa representación de persoas en distintos contextos, como paixases urbanas, no seu día a día
A Casa do Concello de San Sadurniño acolle, ata finais deste mes, as obras de Rafael García Climent, pintor ferrolán do barrio de Canido que, aínda que tivo querencia polo debuxo e a pintura dende temprana idade, non foi ata hai pouco máis dunha década cando se meteu a fondo coa súa paixón, como explicou el mesmo durante a inauguración da mostra a primeiros de febreiro.
García Climent, discípulo de Manuel Carballeira, mostra nesta exposición as súas pinturas de realismo figurativo, coa representación de persoas en distintos contextos e situacións durante o seu día a día, principalmente co trasfondo de paisaxes urbanas, e que permiten que o espectador se sinta identificado.
A miña afección pola pintura é algo recente. Sempre souben que me gustaba, mais as miñas obrigas profesionais non me permitían pintar. De maior atopei oco, probei, e vin que non o facía tan mal. Dende hai unha década estou pintando e é unha afección que me gusta moito” (García Climent, pintor)
Os visitantes á exposición na casa consistorial de San Sadurniño poderán gozar coas pinturas de García Climent no que é unha selección da ampla obra elaborada polo artista ferrolán nestes algo máis de dez anos, e na que emprega a técnica de óleo sobre lenzo ou táboa, mais tamén a de acuarela “coa que me sinto tamén moi cómodo”.
Os interesados en desfrutar dos traballos de Gacía Climent poden visitar a exposición, ata o 28 de febreiro, na Casa do Concello en horario das oficinas municipais, dende as 8:30 horas ata as 14:00 horas, de luns a venres.