PUBLICIDADE

Ferrol acollerá o mercado de segunda man O Tinglado en marzo

PorBisbarra

Xoves, 20 Febreiro 2025 , , ,
O Tinglado ofertará 60 postos para particulares na sala de Curuxeiras do Porto.O Tinglado ofertará 60 postos para particulares na sala de Curuxeiras do Porto.

O Concello de Ferrol acollerá a segunda edición do Tinglado, o mercado de segunda man que promove a Xunta de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela; e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (APFSC), Francisco Barea, presidiron a presentación do evento.

O Tinglado ten como obxectivo potenciar a economía circular a través da venta de prendas, obxectos e outros útiles que xa non empregamos. “Este evento non é só unha mostra de compromiso coa protección ambiental, senón tamén unha oportunidade para promover hábitos de consumo responsables e celebrar a innovación”, afirmou o alcalde de Ferrol na súa intervención.

Neste sentido, o rexedor anotou que este mercado dá resposta ao aumento da demanda dos produtos de segunda man, permitindo dar unha segunda vida aos obxectos. “Dende Ferrol sumámonos a esta iniciativa da Xunta de Galicia, amosando conxuntamente o noso compromiso tamén coa protección do medio ambiente e a promoción de hábitos de consumo responsables”, explicou.

PUBLICIDADE

A segunda edición do Tinglado celebrarase os días 15 e 16 de marzo na sala de Curuxeiras do Porto. Ofrecerase a oportunidade de participar con 30 postos diarios, 60 nas dúas xornadas, nos que os particulares poderán vender roupa, libros, decoración, xoguetes e moito máis.

O presidente do APFSC, Francisco Barea, afirmou que “dende o Porto de Ferrol estamos sensibilizados na loita contra o cambio climático”, e neste senso, “abrimos a sala Curuxeiras para acoller O Tinglado, un espazo aberto e participativo que nos invita a todos a implicarnos no coidado do medio ambiente”.

INICIATIVA EXITOSA DO TINGLADO

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático afirmou que “O Tinglado é unha iniciativa exitosa que ten por obxectivo concienciar de que a nosa roupa, a cerámica ou incluso certas coleccións que xa non teñen utilidade poden ter unha segunda vida e evitar que se converta nun residuo”.

Tras o éxito en Vigo, O Tinglado chega a Ferrol. As persoas interesadas en solicitar un destes expositores poden facelo ata o 5 de marzo, desde a web www.otinglado.gal. A actividade será de balde e está dirixida só a particulares. En canto á adxudicación de espazos, será por rigorosa orde de recepción dos formularios. O horario será de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Esta acción, revelou a conselleira, enmárcase no Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030, co que o Goberno galego busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo de economía circular que lles axude a cumprir coas esixencias das normativas comunitarias, estatais e autonómicas en materia de residuos.

Co anterior Plan acadouse a redución na produción dos residuos en Galicia en máis dun 5%, pasando dos 443 quilos por habitante no ano 2009 a 418 quilos por habitante en 2021. A mellora da recollida selectiva, destacando o vidro, que acadou un 122% de cumprimento dos obxectivos propostos e a redución dos residuos enviados a vertedoiro en case un 37%, sitúa a Galicia por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.

“Apostamos por unha Galicia respectuosa co medio ambiente e reducir os residuos que xeramos é unha das claves para coidar o noso planeta e loitar contra o cambio climático”, finalizou a conselleira.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.