PUBLICIDADE

San Sadurniño ultima as obras viarias do POS+ 2024

PorBisbarra

Mércores, 19 Febreiro 2025 , ,
San Sadurniño Reparación do tramo A Gándara-A Penavidreira, financiada co POS+. Foto: César GaldoReparación do tramo A Gándara-A Penavidreira, financiada co POS+. Foto: César Galdo

O Concello de San Sadurniño está rematando o último dos proxectos viarios financiados coa parte económica fixa do POS+ 2024. Despois de completar a reparación da pista que enlaza a antiga estrada das Pontes co lugar da Gándara, a empresa adxudicataria dos traballos iniciou hoxe o arranxo da pista que artella o núcleo do Pico, en Naraío.

O investimento na obra aproxímase aos 46.000 euros e agárdase que quede lista nesta semana. Así, pouco a pouco van completándose as infraestruturas viarias sufragadas cos fondos provinciais do ano pasado. Unha vez rematada esta intervención, só quedarían pendentes os dous grandes aglomerados incluídos nas previsións do Plan Complementario. Máis en concreto, trátanse dos da pista dos Currás, en San Sadurniño, e o tramo entre A Bañoca e o Castro, en Bardaos, ambos xa adxudicados e de execución inminente.

TRES PROXECTOS CO POS+ 2024

Para o POS+ 2024 deseñáronse tres proxectos de reparación dun total de nove camiños e pistas de titularidade municipal, agrupadas en cada proxecto por proximidade xeográfica. A solución técnica nos tres proxectos foi a mesma, En primeiro lugar, facer unha limpeza do firme e das cunetas. Despois, igualar a superficie eliminando fochancas e reforzando bordes. Por último, renovar o pavimento mediante regas asfálticas mesturadas con grava miúda.

PUBLICIDADE

Neste sentido, na banda norte de San Sadurniño, en Santa Mariña e Bardaos, asfaltouse a pista entre O Castro e A Sanguiñeira, de 680 metros. Así mesmo, mellorouse o acceso a unha vivenda no Vilar, de 100 metros. No mesmo proxecto tamén se incluíu a obra de mellora da pista que sobe desde a igrexa de San Paio, en Ferreira, ata o lugar do Bidueiro, situado 870 metros máis arriba, na aba do Pico de San Vicente. O custe dos traballos situouse, segundo o prezo final de adxudicación, en 52.030 euros.

Outro dos proxectos xa executados serviu para acondicionar catro pistas de Ferreira, Naraío e Igrexafeita. Foron a conexión do núcleo do Sumeiro coa estrada provincial DP-7601, en Ferreira de Arriba, de 400 m; a renovación do firme desde a Fraguela ata a Ponte da Pedreira, en Naraío, de 950 m; e a reparación de cerca de 200 metros na parte alta da Torre, en Igrexafeita, que incluíu a construción dunha taxea; así como os 450 metros que conectan as últimas vivendas de Amido coa pista aglomerada que sobe ao Hedreiro e A Chabola. Neste caso o importe da obra foi de 53.240 euros.

O terceiro dos proxectos acollido á asignación fixa do POS+ xuntou o arranxo da pista entre a Penavidreira (Naraío) e A Gándara (Ferreira), sobre unha distancia total de 825 metros; e a reparación do eixo interior que baixa desde O Pico ata o Freixo, en Naraío.

Este último tramo, no que se está traballando estes días, forma un grande “Y” próximo ao quilómetro de trazado, que conecta en dous puntos coa estrada AC-125. A pista enfía unha decena de vivendas do Pico e o Freixo, ademais de ser o camiño polo que tamén se serve a veciñanza da Pradella, a Vila ou Gundisalva. O importe da obra quedou fixado na adxudicación en 45.980 euros.

EXECUCIÓN INMINENTE DE DÚAS ACTUACIÓNS CO PLAN COMPLEMENTARIO

Xunto aos proxectos con financiamento fixo do POS+ 2024, o Concello tamén presentou á Deputación os do Plan Complementario. Así, finalmente o consistorio obtivo financiamento para aglomerar o eixo O Castro-A Bañoca, en Bardaos, de 825 metros; e para o ancheado e reparación co mesmo tipo de firme da pista que enlaza a Capela de Belén co campo de fútbol dos Currás, de 840 metros, en San Sadurniño. Ambos proxectos, licitados por separado, foron adxudicados por un importe global de 147.137 euros. Así pois, agárdase que a empresa poida iniciar os traballos en breve.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.